Colexios abertos, reforzo das comunicacións ou máis xeradores; así sería en Galicia unha nova grande apagada
Colexios abertos, reforzo das comunicacións ou máis xeradores; así sería en Galicia unha nova grande apagada
Galicia contará con novos protocolos de actuación para casos de grandes apagamentos
A grande apagada "puxo a proba os servizos que non poden fallar", di Alfonso Rueda, quen anuncia "vías de mellora" para mellorar a resposta
O Consello da Xunta aprobou este luns novos protocolos de actuación para mellorar a capacidade de actuación e resposta ante unha emerxencia como foi o pasado apagamento xeral, o 28 de abril.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, as emerxencias e a actividade sanitaria garantíronse o día no que se produciu esa grande apagada que "puxo a proba servizos que non poden fallar", pero as conclusións extraídas desa actuación detectáronse "vías de mellora".
Como regra xeral os centros educativos permanecerán abertos, aínda que se suspenda a actividade lectiva, para garantir a conciliación, polo que o seu persoal deberá acudir aos seus postos de traballo.
No ámbito sanitario, farase un protocolo para atender as persoas para garantir a continuidade da asistencia a persoas que precisan de equipos conectados á rede eléctrica nos seus domicilios (sobre todo respiratorios) e, no caso de que o precisen, que poidan ser trasladados.
Vaise reforzar os servizos de comunicación interna dos profesionais da sanidade. Ampliarase o número de xeradores na rede de centros de atención primaria, xa que, segundo Rueda, "había moitos que dispoñían de xeradores, pero non todos, e revisarase o estado dos xeradores nas residencias de maiores.
En canto a servizos sociais, a Xunta establecerá un protocolo para "homoxeneizar" a actuación das residencias de maiores e discapacidade públicas e privadas.
Ademais, á proposta da Consellería de Economía, vaise crear un protocolo con empresas consideradas esenciais para ter unha comunicación fluída coas eléctricas, para ter coñecemento da evolución das incidencias, e coas abastecedoras de combustible, para garantir que se conta coa subministración necesario para os xeradores.
Ademais vaise instar ao Goberno a implantar melloras para que reforce a telefonía para que servizos como o do 112 Galicia non dependa dun só operador, e que haxa integración física de Garda Civil e Policía Nacional na propia Central de Emerxencias do 112 e que a UME (Unidade Militar de Emerxencias) teña unha presenza "de forma máis estable en Galicia".