A Xunta busca situar Galicia ante as oportunidades que se abren para as industrias de seguridade e defensa
A Xunta busca situar Galicia ante as oportunidades que se abren para as industrias de seguridade e defensa
O Consello da Xunta aprobou a Estratexia galega de aeroespazo, seguridade e defensa co obxectivo de crear máis dun cento de novas empresas ata o 2030

O Consello da Xunta aprobou este luns, nunha reunión que de xeito extraordinario se celebrou en Lugo, a Estratexia galega de aeroespazo, seguridade e defensa coa que se buscan mobilizar uns 900 millóns de euros para crear de aquí a 2030 máis dun cento de empresas.
A estratexia contará cun investimento de 183 millóns de fondos propios da xunta e tratará de que as empresas do sector naval, automoción, aeronáutica ou de defensa collan posicións e aproveiten o contexto actual expansionista das administracións nestes sectores.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, explicaba que "recentes anuncios da UE e dos estados membros, e os compromisos asumidos, cremos que se van concretar nun importante crecemento nos investimentos asociados a seguridade e defensa".
"E neste ámbito cremos que Galicia ten unha excelente oportunidade", dixo Lorenzana, quen explicaba que os obxectivos da estratexia deben ser "impulsar a creación de novas empresas e dar crecemento ás que xa temos instaladas, impulsar a diversificación das empresas para que poidan ofertar os seus servizos no sector, aínda que partan doutro tipo de industrias, materializar novos investimentos, reforzar as capacidades produtivas e liderar as novas políticas industriais a nivel nacional".
A estratexia desenvolvese en base a tres programas: o Ecosistema, o de Incorporación e consolidación e o de Investimentos duais.
O programa Ecosistema baséase en tecer alianzas estratéxicas entre empresas que xa forman parte do sector con outras que teñen interese en acceder a el. Con este fin vaise iniciar un diálogo coas principais empresas deste ámbito para determinar cales van ser os socios estratéxicos e tecnolóxicos durante os próximos cinco anos.
Tamén se buscará crear consorcios para participar en proxectos de grande envergadura.
O programa de Incorporación e consolidación agrupa as actuacións que teñen como obxectivo promover que as empresas que agora mesmo non participan destes sectores poidan comezar a operar neles, ou as que xa están que poidan medrar dentro deste ámbito. Neste sentido unha das accións principais será traballar para que as empresas poidan lograr as certificacións precisas para poder operar dentro do sector de seguridade e defensa.
Unha unidade específica do IGAPE dará asesoramento ás empresas neste sentido.
O programa de Investimentos duais terá como obxecto apoiar proxectos que vaian levarse a cabo por empresas galegas.