O brote de salmonela no festival de Oza-Cesuras suma 161 casos e quedan 25 ingresados
Segundo o Servizo de Alertas Epidemiolóxicas esta infección está relacionada cunhas tortillas elaboradas durante o festival
A Xunta ultima un decreto autonómico para rexistrar a operadores como foodtrucks e postos ambulantes de comida e sometelas a inspeccións sanitarias

A Consellería de Sanidade da Xunta continúa investigando o brote de salmonela que xa suma 161 casos, aínda que a cifra de persoas ingresadas descendeu a 25.
Sanidade confirmou que hai 161 afectados por esta intoxicación alimentaria que ten a súa orixe no festival de música Trasan Fest, que se celebrou a pasada fin de semana en Oza-Cesuras.
A Xunta indicou que había 53 persoas ingresadas por este brote, pero a cifra descendeu este venres a 25. Sanidade apunta que as evidencias recollidas ata o momento fan pensar na orixe bacteriano do brote causado por salmonela.
Sinalan, ademais, que "neste tipo de casos co paso dos días pódense rexistrar novos afectados ante a evolución da sintomatoloxía clínica".
Segundo a xefa do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas do departamento territorial da Consellería de Sanidade na Coruña, Begoña Alonso de la Iglesia, esta infección alimentaria está relacionada cunha serie de tortillas individuais, duns tres ou catro ovos cada unha, elaboradas durante o festival.
A Xunta ultima un decreto autonómico para rexistrar a operadores como foodtrucks e postos ambulantes que venden comida en feiras, mercados e festivais, co que terán que someterse a inspeccións sanitarias periódicas como xa ocorre con bares e restaurantes.