Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta opónse á reubicación de 317 menores migrantes en Galicia proposta polo Goberno

A Xunta opónse á reubicación de 317 menores migrantes en Galicia proposta polo Goberno

Galicia recibiría máis de catro millóns de euros para facer fronte aos custos da acollida

Os menores proceden das Canarias, Ceuta e Melilla

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 04/07/2025 18:09 Última actualización 04/07/2025 20:38

A Consellería de Política Social da Xunta manifestou este venres a súa oposición á proposta do Goberno central de reubicar 317 menores migrantes non acompañados en Galicia, procedentes de Canarias, Ceuta e Melilla. Considera que se trata dun reparto “inxusto e arbitrario”.

Nun comunicado remitido aos medios, o Executivo galego advertiu de que o sistema autonómico de protección xa está sobreocupado nun 108 % e que non pode asumir máis acollidas nas condicións actuais.

As comunidades que máis menores acollerían serían Andalucía (677), Madrid (647) e a Comunidade Valenciana (571). Galicia recibirá un total de 317 menores, segundo datos do Ministerio de Xuventude e Infancia.

Estes traslados forman parte dun plan estatal que contempla un total de 3.975 movementos, aínda que uns 850 menores solicitantes de asilo quedarán fóra da derivación ao seren acollidos pola rede estatal de protección internacional, segundo unha orde do Tribunal Supremo.

Galicia recibiría máis de 4 millóns de euros

O plan inclúe tamén a distribución dun fondo estatal de 100 millóns de euros para sufragar os custos dos traslados e da acollida durante polo menos tres meses. Galicia percibirá 4.136.850 euros, unha das cantidades máis elevadas, só por detrás de comunidades con maior número de menores asignados.

Os fondos tamén cubrirán gastos de sobreocupación en territorios especialmente tensionados como as Canarias, Cantabria, Baleares, Madrid ou A Rioxa.

O Estado asumirá os traslados e axudará á tramitación dos expedientes, co obxectivo de garantir unha distribución equilibrada da carga entre comunidades.

Distribución por comunidades

Tras as tres comunidades con maior número de menores previstos, a lista continúa con:

  • Castela-A Mancha: 320
  • Galicia: 317
  • Aragón: 251
  • A Rioxa: 205
  • Castela e León: 197
  • Estremadura: 159
  • Cantabria: 156
  • Asturias: 144
  • Murcia: 133
  • Navarra: 118
  • Illas Baleares: 49

Cataluña e País Vasco non terán asignación obrigatoria por seren territorios que xa fixeron un esforzo significativo no pasado. Aínda así, Cataluña confirmou que acollerá polo menos 31 menores máis, como nas campañas anteriores.

Reunión clave coas comunidades o 8 de xullo

O Ministerio de Xuventude e Infancia convocou a Comisión Sectorial de Infancia para o martes 8 de xullo ás 16:00 horas. Nesa reunión abordarase o funcionamento do sistema de acollida, a repartición dos fondos e o calendario de aplicación do plan.

O Goberno sinala que este novo mecanismo busca corrixir desequilibrios históricos, recoñecendo o traballo realizado por algunhas comunidades e instando á colaboración das que menos contribuíron ata agora.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade