Publicador de contidos

Publicador de contidos

Allegue: "Hai que incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras"

Allegue: "Hai que incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras"

A conselleira de Vivenda espera ter operativo este verán o programa Fogar Vivo, aprobado pola Xunta

O Goberno galego concede axudas de ata 16.000 euros aos propietarios que poñan as súas propiedades baleiras en alugueiro

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, este xoves nunha entrevista no 'Bos días' da TVG
G24.gal 22/05/2025 09:38

A conselleira de Vivenda confía en ter operativo xa este verán o plan Fogar Vivo presentado esta semana polo Consello da xunta. Un programa que "nace para incrementar as vivendas en réxime de alugueiro", incentivando os propietarios para que coloquen as súas propiedades baleiras no mercado a un prezo "accesible". Nunha entrevista no 'Bos días', María Martínez Allegue indicou que a intención é "que poida ser unha realidade en xullo ou en agosto".

"Sabemos que moitas vivendas non se poñen a alugar por inseguridade xurídica ou pola necesidade de facer reformas", explica a conselleira. "Por iso lanzamos este programa con estas axudas que poden acadar os 16.000 euros".

A conselleira explica que a Xunta incentivará os propietarios que aluguen as súas vivendas baleiras menores e 36 anos ou a familias con menores ou dependentes ao seu cargo. Nestes casos recibirán unha axuda adicional de dous mil euros. "Ademais temos unha axuda directa de tres mil euros para o seguro de impagamento de rendas e o multirrisco no fogar", indica. "Pódense acumular ou pedir unha soa".

 Condicións para acceder as axudas

Para poder optar a estas axudas, os propietarios deben colocar no mercado do alugueiro vivendas que polo menos leven baleiras tres meses. Deben alugarse por un período mínimo de cinco anos e a uns prezos máximos establecidos pola Xunta en función da zona.

O Goberno galego dividiu o mapa en cinco zonas. Así, por exemplo, en Santiago, A Coruña, Vigo ou Pontevedra a renda máxima establécese nos 650 euros, e en Lugo ou Baiona será de 600 euros. "Hai que frear a inflación e por iso ese tope máximo", explica a conselleira.

A Xunta destina un orzamento inicial de 5,7 millóns de euros a este programa de aquí a 2028. O obxectivo é colocar no mercado do alugueiro 1.300 novas vivendas de propiedade privada que están desocupadas. Trátase, en definitiva, de "incentivar a posta no mercado de vivendas baleiras e animar os construtores a que fagan vivenda protexida".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade