Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alicia Arruti é a primeira adolescente galega que solicita o cambio de sexo no DNI

Alicia Arruti é a primeira adolescente galega que solicita o cambio de sexo no DNI

Grazas á entrada en vigor da nova lei trans, terá a súa nova identidade oficial nun prazo máximo de catro meses

G24.gal 05/03/2023 20:40 Última actualización 05/03/2023 21:46

Alicia Arruti, de 16 anos, é a primeira galega en acudir ao Rexistro Civil a solicitar o cambio do sexo no seu documento nacional de identidade.

Grazas á entrada en vigor da nova lei trans, esta adolescente de Ponte Caldelas terá nun prazo máximo de catro meses a súa nova identidade oficial como muller, a que desexa desde hai anos.  

Alicia está feliz e con ganas de que a chamen do Rexistro Civil de Pontevedra, onde selou a solicitude de cambio de sexo no seu DNI. Nuns catro meses, en coincidencia e harmonía co que ela é e sente, nese DNI figurará a letra F de sexo feminino. 

"Agardando a que chegara a lei, poder ir ao rexistro e pedir o cambio de sexo coa nova lei", conta Alicia Arruti.

"Que concorde a súa identidade co que pon nos seus documentos é moi importante porque así non teñen que estar constantemente mostrando a súa condición de trans", explica María Cabanillas, a nai de Alicia.

A familia de Alicia sempre buscou apoio na Asociación Arelas. Hoxe lémbranos que as escolas deben ser un lugar seguro para os menores trans.

"Onde se vele pola súa integridade física e moral, e onde sexan respectados, non se mofen delas e deles, e sexan apoiados e apoiadas. Para iso é moi importante o labor de formación, educación tanto para os alumnos, profesores e pais", insiste a nai.

Alicia, de 16 anos, foi ao Rexistro de Pontevedra nada máis entrar en vigor a Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans, acompañada do seu pai e da súa nai, Manuel e María. Non era necesario porque a lei non esixe esa autorización. Pero é que os pais de Alicia están e estiveron sempre con ela, orgullosos da súa filla. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade