Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Policía envía sete unidades móbiles para expedir documentación no rural

A Policía envía sete unidades móbiles para expedir documentación no rural

As novas furgonetas están equipadas con impresoras que permiten sacar o DNI ou o pasaporte nun mesmo día

Visitan municipios pequenos e medianos para evitar que a xente teña que se desprazar ás cidades con comisarías

G24.gal 05/05/2026 14:02

Para que o cidadán non teña que ir á comisaría, a Policía vai por el. Para axudar, enténdese. Sete unidades móbiles da Policía Nacional percorren Galicia para achegar ás vilas o servizo de emisión de documentación.

Por fóra, son as clásicas furgonetas azuis, das grandes en realidade; por dentro, unhas pequenas oficinas coa última tecnoloxía, incluídas impresoras preparadas para expedir no momento o DNI ou o pasaporte.

O servizo do DNI Rural existía hai anos, pero tras a dina de Valencia, en 2024, deu un salto adiante: dende entón estas oficinas sobre rodas poden expedir os documentos nun mesmo acto. Antes, a xente tiña que ir un día entregar os seus datos e logo volver outro recoller os documentos. Agora saen con eles na man.

"Facémolo no momento, de aí que teñamos estas máquinas. Porque antes facíase cun ordenador, pero agora faise no momento e tardamos entre doce e quince minutos en facer un DNI ou un pasaporte", explica a axente que senta este martes dentro da furgoneta que aparcou na praza do Concello de Mos.

"Esa é precisamente a novidade, que nesta furgoneta que acondicionou a Fábrica de Moneda e Timbre podemos facer no momento o pasaporte e o DNI e así o cidadán non ten que vir dous días", completa a secretaria xeral da Comisaría de Vigo-Redondela, Esther Arén, mentres amosa as impresoras que hai dentro do vehículo.

Os interesados teñen que pedir cita previa e deben acudir á unidade móbil cunha fotografía e cos documentos que vaian renovar ou cos papeis necesarios para pedilos por vez primeira.

Un apuntamento importante: como en calquera comisaría, aquí hai que pagar as taxas correspondentes e só aceptan efectivo, ollo. Pero a gran vantaxe é que a veciñanza dos concellos sen Comisaría non se ten que desprazar a algunha das cidades nas que si existen sedes da Policía.

"É moi rápido, a xente apúntase e pasa por aquí e incluso á xente con urxencia tamén se lle pode dar o servizo aínda que non collesen cita previa", afirma o comisario xefe da Policía Nacional de Vigo-Redondela, Ramiro José Gómez.

No caso de Mos, a furgoneta estacionou catro horas a carón da Casa do Concello. Había trinta citas dispoñibles e ocupáronse todas. Os primeiros en acudir foron un par de familias con nenos pequenos que aproveitaron a primeira hora para faltar menos tempo á escola. 

"No rural isto é onde máis se agradece porque nunha cidade un ten todo a man pero no rural que che dean esta posibilidade é un paso importantísimo", asegura a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

"Ao final fixen un tres por un: teño o pasaporte renovado, teño o DNI renovado tamén e o DNI dixital na aplicación", conta cun sorriso Ilda Cea, unha veciña de Mos que, nun principio, pedira cita só para renovar o pasaporte pero que baixa da furgoneta coas mans cargadas de documentos.

En España circulan arestora oitenta furgonetas. O seu nome oficial é Vidoc, vehículo integral de documentación, que se lanzaron dentro do Plan de Identidade Dixital do Goberno central.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade