Publicador de contidos

Alcoa deposita os 103 millóns de dólares comprometidos para melloras na planta

Alcoa deposita os 103 millóns de dólares comprometidos para melloras na planta

A dirección reúnese a semana que vén co comité de empresa para afondar nos detalles do proceso de parada e rearranque

O representante dos traballadores considera unha "boa noticia" o depósito dos cartos

O conselleiro de Industria pídelle concreción ao Goberno central

G24.gal 14/01/2022 10:42

O presidente de Alcoa España, Álvaro Dorado, informou aos traballadores do complexo industrial de San Cibrao mediante unha carta de que os “103 millóns de dólares para os investimentos comprometidos” na planta de aluminio primario, en virtude do acordo alcanzado o 29 de decembro co comité de empresa, “xa están dispoñibles nunha nova conta bancaria a nome de Aluminio Español SLU”.

Informa tamén de que “a parada ordenada das cubas está a realizarse con normalidade, seguridade e conforme ao programa, co obxectivo de manter as instalacións nas mellores condicións para iniciar o seu rearranque a partir do 1 de xaneiro de 2024".

Ademais, na parte de  fundición, “están a adaptarse procesos e rendementos para producir con metal sólido”, sinala na misiva aos traballadores.

Tamén sostén que “Alcoa deu xa pasos importantes cos preacordos alcanzados con Greenalia e Capital Energy para a subministración de electricidade durante 10 anos a partir do ano 2024” e segue “avanzado” na “estratexia para a contratación da subministración de enerxía desde o rearranque”.

Así mesmo, “en canto á programación e asignación de tarefas e á formación unha vez se complete a parada da actividade de electrólise e eléctrodos, e como continuación a unha solicitude expresa da representación dos traballadores, a dirección da planta manterá unha reunión a principios da semana que vén co Comité de Empresa para informar máis en detalle dos plans”, confirma.

O presidente de Alcoa España tamén lembra que ambas as partes asinaron “xa o convenio colectivo para o complexo conforme ás condicións comprometidas no acordo”, ademais de confirmar que “a próxima reunión de seguimento do acordo co Goberno de España, a Xunta de Galicia e os membros do Comité de Empresa” celebrarase “canto antes”.

“Seguimos traballando para avanzar en todo o anterior e en cada un dos puntos do plan comprometido. Temos a convicción de que esta etapa que iniciamos abre unha oportunidade de futuro para a planta de aluminio. Tamén sabemos que este obxectivo común só poderá lograrse co compromiso e a profesionalidade que sempre demostraron os traballadores da fábrica”, conclúe Dorado.

Seguridade para o acordo

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, recoñeceu que o depósito de 103 millóns de dólares realizado  pola multinacional para acometer os investimentos que necesita a fábrica de fronte ao reinicio da actividade en xaneiro de 2024 achega “seguridade” ao acordo alcanzado cos traballadores.

Zan afirmou que se trata de “unha boa noticia”, porque eses fondos son “a base dos investimentos” que hai que realizar na fábrica de San Cibrao para modernizar as súas instalacións e facer que sexa máis competitiva cando se produza o “rearranque” da produción de aluminio primario.

Lembrou, ademais, que a “firma dos traballadores”, en virtude do acordo alcanzado, é necesaria para desbloquear eses investimentos, que aínda tardarán “algúns meses” en percibirse “no interior da fábrica”, porque teñen que ir precedidas de “un proxecto de enxeñería bastante importante”.

En todo caso, confía en que “sexan os menos posibles”, porque “o máis importante é que se poida actualizar a planta canto antes e estea todo listo para reiniciar a actividade o día 1 de xaneiro de 2024”.

Zan tamén confirmou que o proceso de parada das cubas segue adiante e, en principio, quedará terminado a próxima semana, o día 20 de xaneiro.

O conselleiro de Industria referiuse a este asunto. Francisco Conde pediulle ao Goberno central concreción para reactivar a produción en Alcoa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade