Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cristina Fernández Cubas, Premio Cervantes 2026: "Collleume totalmente por sorpresa"

Cristina Fernández Cubas, Premio Cervantes 2026: "Collleume totalmente por sorpresa"

Ministerio de Cultura Ministerio de Cultura
G24.gal 03/11/2026 22:49

 A escritora catalá Cristina Fernández Cubas, galardoada este martes co Premio Cervantes 2026, confesou apenas uns minutos despois de coñecerse a noticia que o recoñecemento a colleu "totalmente por sorpresa".

"Agora estou empezando a aterrar un pouco. Empecei a recibir chamadas e estoume dando conta de todo. É unha honra grandiosa", dixo a autora tras obter o máximo recoñecemento das letras en español, dotado con 125.000 euros.

A escritora, renovadora do xénero dos relatos breves en español, mostrou a súa satisfacción porque se a premiase especialmente polo seu "labor de contista".

"Significa un orgullo engadido. Creo que é un premio que lle concederon tamén ao xénero en xeral e a todos os contistas", sinalou.

Na lectura do fallo, o ministro de Cultura, Ernest Urtasun, explicou que o xurado lle concedeu o premio pola "orixinalidade, a excelencia, a coherencia dunha obra que renovou o conto contemporáneo e transformou a literatura fantástica en español".

Fernández Cubas é a sétima muller en conseguir o galardón, despois de María Zambrano (1988), a cubana Dulce María Loynaz (1992), Ana María Matute (2010), a mexicana Elena Poniatowska (2013) e as uruguaias Ida Vitale (2018) e Cristina Peri Rossi (2021).

A escritora galardoada conta con outros recoñecementos, como o Premio Nacional de Narrativa 2016, o Premio da Crítica por "La habitación de Nona", o Premio Nacional das Letras Españolas 2023 e o Premio Albert Camus 2026.

Escritora e xornalista, nada en Arenys de Mar (Barcelona) en 1945, está considerada unha das autoras máis destacadas do relato breve en España e unha mestra da narrativa fantástica.

Entre as súas obras figuran os libros de relatos "Mi hermana Elba" (1980), "El ángulo del horror" (1990), "Parientes pobres del diablo" (2006), "La habitación de Nona" (2015) e "Lo que no se ve" (2025).

Tamén escribiu novelas como "El columpio" (1995) e unha obra de teatro, "Hermanas de sangre" (1998), entre outras pezas literarias.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade