O mexicano Gonzalo Celorio, Premio Cervantes 2025
Celorio dixo sentirse "moi emocionado" pola obtención do galardón xa que "honra" o seu "amor pola lingua española" e a súa "devoción cervantina"
México, con sete garlardoados, é o país latinoamericano con máis premiados
Europa Press
O xurado do Premio de Literatura en Lingua Castelá Miguel de Cervantes, correspondente a 2025, elixiu o autor mexicano Gonzalo Celorio como gañador da edición deste ano. O premio está dotado con 125.000 euros e constitúe o máis prestixioso galardón das letras en español.
O ministro de Cultura anunciou a decisión do xurado de premiar o escritor mexicano nacido no DF en 1948. pola súa "excepcional obra" na que o xurado apreciou "unha voz literaria de notable elegancia e fondura reflexiva" consolidada ao longo de cinco décadas.
Ernest Urtasun subliñou que Celorio contribuíu ademais "de maneira profunda e sostida" ao enriquecemento do idioma español. Segundo Urtasun, o premiado conxuga na súa obra "a lucidez crítica cunha sensibilidade narrativa que explora os matices da identidade, a educación sentimental e a perda.
Celorio afirmou sentirse "moi emocionado" pola obtención do Premio Cervantes 2025, xa que "honra" o seu "amor pola lingua española" e a súa "devoción cervantina".
"Recíboo moi honrado e moi emocionado. Honra a miña vocación literaria, o meu amor pola lingua española e a miña devoción cervantina", sinalou.
Celorio, quen é actualmente presidente da Academia Mexicana da Lingua, destacou ademais o "orgullo" de situarse á beira doutros mexicanos aos que "admira" e que obtiveron o premio como Octavio Paz ou Elena Poniatowska.
México, con sete garlardoados, é o país latinoamericano con máis premiados
O Premio Cervantes 2025 concedido ao escritor Gonzalo Celorio consolida a México como o país latinoamericano con máis galardoados do maior recoñecemento das letras en español, xa que con el xa son sete os mexicanos recoñecidos.
O primeiro mexicano en recibir o Cervantes, dotado actualmente con 125.000 euros, foi Octavio Paz, en 1981. Fernando del Paso, que o recibiu en 2015; Elena Poniatowska (2013); José Emilio Pacheco (2009); Sergio Pitol (2005) e Carlos Fuentes (1987) completan a lista de mexicanos premiados.
Tras México, é Arxentina o país máis galardoado co Cervantes, que o recibiron autores dese país en catro ocasiones: Jorge Luis Borges (1979), Ernesto Sábato (1984), Adolfo Bioy Casares (1990) e Juan Gelman (2007).
O Cervantes premiou o ano pasado o escritor español Álvaro Pombo e o anterior a Luis Mateo Díez. Anteriormente, recaeu no venezolano Rafael Cadenas (2022), a autora uruguaia Cristina Peri Rossi (2021), dous escritores españois consecutivamente (Francisco Brines (2020) e Joan Margarit (2019) e dous latinoamericanos (a uruguaia Ida Vitale (2018) e o nicaraguano Sergio Ramírez (2017), rompendo a habitual alternancia do premio.
O palmarés dos últimos anos complétase cos nomes de Eduardo Mendoza (2016), Fernando del Paso (2015), Juan Goytisolo (2014), Elena Poniatowska (2013), José Manuel Caballero Bonald (2012) e Nicanor Parra (2011), entre outros.