Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alcampo anuncia o peche de 25 supermercados e 710 despedimentos

Alcampo anuncia o peche de 25 supermercados e 710 despedimentos

O ERE afecta 152 establecementos, entre os cales están as tendas da estrada de Catabois, en Ferrol, o supermercado do polígono da Grela, na Coruña, e os locais de Boiro e Burela

Alcampo comunicará as tendas prexudicadas polos peches a finais de xuño, segundo fontes da compañía

Gustavo Valiente/Europa Press Gustavo Valiente/Europa Press
G24.gal 08/05/2025 12:56

A cadea de supermercados Alcampo anunciou que pechará un máximo de 25 supermercados "con dificultades" e isto afectará un máximo de 710 empregados "dun persoal que alcanza as 23.300" persoas, segundo avanzou a compañía nun comunicado. Ademais realizará axustes de persoal que afectarán 152 establecementos, entre eles catro locais galegos.

O plan, que o denominou de "transformación e adaptación ao futuro", foi comunicado aos representantes dos traballadores.

"Neste camiño de transformación é fundamental recuperar os resultados e asegurar un crecemento sostible en todas e cada unha das tendas", remarcou a compañía.

"É por iso que Alcampo pon en marcha un plan de axuste de persoal, unha decisión que aínda que difícil, é responsable e necesaria", admitiu na nota.

Listaxe de establecementos afectados

A compañía anunciou que o ERE afectará a 152 establecementos, cun máximo de 25 peches de supermercados.

Alcampo compartiu cos sindicatos a listaxe de supermercados afectados pero aínda non aclarou cales serán os supermercados que pecharán as súas portas. Agárdase que a empresa comunique esta decisión a finais do mes de xuño, segundo fontes da compañía.

Entre os afectados hai 4 establecementos galegos: o Alcampo da estrada de Catabois, en Ferrol, o supermercado do polígono da Grela, na Coruña, e os establecementos de Boiro e Burela.

Os peches afectarán maiormente a centros que Alcampo adquiriu a DIA nun proceso que culminou a mediados de 2023 e que supuxo a compra de 235 supermercados por 267 millóns de euros.

As tendas afectadas localízanse na Comunidade de Madrid, Castela e León, Aragón, Andalucía, Navarra, Castela-A Mancha, Asturias, A Rioxa, Cantabria, Galicia, País Vasco e Comunidade Valenciana.

A reacción de Comisións Obreiras

Pola súa banda, a organización sindical Comisións Obreiras informou nun comunicado de que a empresa lles trasladara esta mañá a información sobre "o despedimento colectivo".

O seguinte paso neste proceso é constituír a mesa negociadora en que Alcampo terá que entregar "toda" a documentación necesaria aos sindicatos para que analicen e inicien a negociación.

Este sindicato mostrou o seu interese por "encarar esta difícil situación, que é nova na empresa, tendo claro que o obxectivo principal é o mantemento do emprego e, en caso de que haxa saídas de persoas traballadoras, estas saian nas mellores condicións posibles".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade