Publicador de contidos

Publicador de contidos

As herdanzas en vida impulsan en Galicia o acceso á vivenda

As herdanzas en vida impulsan en Galicia o acceso á vivenda

As herdanzas en vida tamén se benefician da baixada fiscal do imposto sobre sucesións

Cando se pon en herdanza a vivenda habitual o propietario pode reservar para si o usufruto vitalicio

G24.gal 19/10/2025 14:34

Os pactos sucesorios, máis coñecidos como "herdanzas en vida", seguen aumentando en Galicia como medida de promoción do acceso á vivenda. Cada vez son máis os pais que, podendo, deciden transferirlles aos seus descendentes unha casa, un terreo para poder facela ou unha cantidade económica para comezar.

En Galicia o dereito civil recolle unha figura singular, que son os pactos sucesorios. Permiten que calquera galego poida adiantar en vida a sucesión de bens concretos, sempre que os herdeiros sexan maiores de idade. Desde 2018 asináronse máis de 150.000 pactos nas notarías do país.

"Actualmente apréciase un aumento destes pactos de mellora, primeiro porque os pais queren planificar a súa sucesión e non esperar á morte para entregarlles bens ou unha cantidade de cartos aos fillos. Prefiren que poidan facer uso deles en vida para a compra dunha vivenda", explica Santiago Botas, notario das Pontes.

A nivel fiscal rexe o imposto de sucesións, igual que se fose unha herdanza despois da morte. 

"Estes anticipos de herdanza non pagan impostos sempre que o que se reciba non supere o millón de euros por cada transmitente".

Cando o que se pon en herdanza é a vivenda habitual dos maiores é importante que conserven o usufruto que lles permitirá residir nela ata a morte e incluso arrendala.

"Desde o momento en que se asina o contrato sucesorio xa se transmite a propiedade, polo tanto se despois xorden desavinzas entre pais e fillos, o fillo que recibiu a vivenda podería botalos dela. Entón cando se queira facer un pacto sucesorio sobre a vivenda habitual é moi conveniente que os pais se reserven o usufruto", aconsella Santiago Botas.

O pacto pode anticipar unha parte do testamento e pode facerse en distintos momentos sobre un fillo ou outro, segundo o estime a persoa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade