Sete de cada dez pisos turísticos galegos poderían quedar fóra do mercado legal
Maís da metade dos pisos que figuran inscritos no rexistro autonómico carecen do código estatal obrigatorio para operar legalmente
En Galicia hai máis de 28 mil vivendas de uso turístico inscritas no rexistro da Xunta, pero chama a atención que máis da metade aínda non solicitaron o código estatal obrigatorio para operar e poder anunciarse en plataformas dixitais.
Os rexistradores da propiedade galegos din que só recibiron unhas 13 mil solicitudes e desas, máis de nove mil xa foron cualificadas positivamente, e algo máis de mil teñen un código provisional pero poden seguir exercendo a actividade. Faltan algo máis de tres mil que foron cualificadas negativamente. Din que nestes casos as razóns son variadas.
"Sobre todo por non achegar un título administrativo habilitante, a licenza correspondente, que non se trate do titular rexistral, por non ter lexitimación, que existan limitacións ou prohibicións que estean debidamente inscritas no rexistro da propiedade. Para as actividades comezadas con posterioridade ao 3 de abril de 2025, non contar con habilitación expresa por parte da comunidade de propietarios ou, por exemplo, que a vivenda se atope nunha situación de vivenda de protección oficial", comenta o rexistrador da propiedade de Ordes, Sebastián Camacho.
Cando isto sucede o propietario ten sete días para tratar de corrixir os erros, obter permisos e volver presentar a solicitude. Con este novo marco legal o que se busca é ordenar o mercado e garantir a calidade da oferta turística.