O sector das vivendas turísticas protesta contra a suba da taxa do lixo en Vilagarcía
Os propietarios aseguran que este tipo de aloxamentos xera escasos residuos
O goberno municipal argumenta que só pagarán un pouco máis ca unha vivenda particular
Debate pola modificación da ordenanza do lixo en Vilagarcía de Arousa. O Concello aprobou un cambio para que as vivendas de uso turístico empecen a tributar nun apartado propio. Agora pagan, por cada cuarto, o mesmo ca un aloxamento sen cociña, como poden ser un hotel ou unha pensión, 27 euros por habitación ao ano.
Pero o goberno local di que está demostrado que as vivendas con cociña xeran máis lixo e, por tanto, deben pagar máis. Pasarán a ter a mesma tarifa ca unha vivenda residencial, 129 euros ao ano, mais un plus de 6,50 euros anual por cuarto.
O Goberno de Vilagarcía pon un exemplo: "Unha vivenda de uso turístico de dous dormitorios, é dicir, á que se lle supoñen catro prazas, pagará ao ano só 26 euros máis pola recollida de lixo que unha vivenda de uso residencial do mesmo tamaño".
"A experiencia destes anos fainos ver que as vivendas de uso turístico xeran unha cantidade de residuos moito maior que pola que estaban tributando", asegura o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Álvaro Carou.
"Nós estamos de acordo en pagar o mesmo ca unha vivenda normal, por suposto, pero tamén é certo que nós non xeramos residuos como outro tipo de aloxamento, entre outras razóns porque a xente que se aloxa nas nosas vivendas practicamente almorza e se ducha", contrapón a presidenta da Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín.
A suba entrará en vigor o un de xaneiro de 2026. É froito dun acordo entre o Goberno socialista de Vilagarcía e o grupo municipal do BNG.
"Non esquezamos que unha vivenda de uso turístico está realizando unha actividade económica", apunta o concelleiro de Turismo.
"Isto é unha postura que está adoptando o BNG en moitos concellos onde os gobernos teñen minorías e, como os propietarios de vivendas pasamos por aí, agora mesmo somos os culpables de case todo", asegura a presidenta de Aviturga.
O Concello calcula que en Vilagarcía hai arestora arredor de seiscentas vivendas turísticas. O Goberno tamén decidiu crear un rexistro deste tipo de aloxamentos.