Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alberto Lema acada o XLIII Premio Xerais de Novela coa obra 'A boca do río'

Alberto Lema acada o XLIII Premio Xerais de Novela coa obra 'A boca do río'

Ivana Gómez Abuín faise co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil por A banda da albóndega

Santiago Lopo consegue o XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil con A lingua dos grifóns

Alberto Lema no ZigZag da TVG Alberto Lema no ZigZag da TVG
G24.gal 23/05/2026 10:44 Última actualización 23/05/2026 11:49

O escritor Alberto Lema (Vimianzo, 1975) obtivo o XLIII Premio Xerais de Novela coa súa obra A boca do río, segundo informa este sábado a editorial galega a través dun comunicado.

Trátase dun galardón ao que poden concorrer textos inéditos e orixinais escritos en lingua galega, avaliados de xeito anónimo por un xurado escollido entre lectores e profesionais do ámbito da literatura.

O XLIII Premio Xerais de Novela está dotado con 10.000 euros a modo de retribución económica para o autor e a obra gañadora será publicada ao longo deste ano pola editorial.

Neste caso, A boca do río, de Alberto Lema, é unha historia ambientada na Galicia da posguerra, ao redor do encoro de Belesar, no sur da provincia de Lugo, que relata as prácticas abusivas da burguesía franquista e outros conflitos sociopolíticos da época.

A editorial destaca que o texto "propón unha mirada seria e documentada a un momento clave" do pasado recente e que o fai "sen caer en maniqueísmos nin en leccións de historia disfrazada", cun estilo "coidado" e capaz de combinar "a precisión histórica cunha prosa viva e sensorial".

Alberto Lema é licenciado en Filoloxía Inglesa e traballador da Real Academia Galega (RAG). Na súa bibliografía figuran títulos de novela como Unha puta percorre Europa (2008), Sidecar (2009), Da máquina (2012) e Pazo de inverno (2021), alén de poemarios.

Gómez Abuín fíxose co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil. FOTO: Xerais Gómez Abuín fíxose co XLI Premio Merlín de Literatura Infantil. FOTO: Xerais

Xerais tamén desvelou esta fin de semana as obras gañadoras do XLI Premio Merlín de Literatura Infantil, outorgado a Ivana Gómez Abuín por A banda da albóndega, e do XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, que foi para A lingua dos grifóns, de Santiago Lopo.

Permio de literatura infantil

Ivana Gómez Abuín, natural de Lugo, é mestra de primaria e fai divulgación de literatura infantil no seu perfil de Instagram, grazas ao cal participa en charlas e diferentes proxectos relacionados coa lectura. 

A banda da albóndega é o primeiro título que vai publicar esta autora, membro de GÁLIX, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Nas súas páxinas recolle a historia de Areleira, unha pequena vila mariñeira onde a marea deixa ao descuberto lodo, cunchas de mexillóns e segredos para un grupo de amigos do que forma parte a protagonista, Antía, xunto ao seu can Ringo.

A editorial salienta que a obra brilla pola "súa linguaxe fresca e coidada", pola capacidade para combinar "humor, emoción e reflexión sen perder nunca o ritmo da acción" e por conseguir manter sempre unha mirada infantil que é, a un tempo, "divertida e emocionante".

Santiago Lopo noutra entrevista no ZigZag da TVG Santiago Lopo noutra entrevista no ZigZag da TVG

Premio de literatura xuvenil

Para rematar, Santiago Lopo é escritor, profesor e tradutor, cunha extensa colección de obras publicadas nas que se inclúe outro premio Xerais de Novela, 'A arte de trobar', de 2017

Nesta ocasión obtivo o XVIII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por A lingua dos grifóns, unha novela que fala dun mundo distópico "rico en detalles culturais, lingüísticos e históricos", no que se desenvolve unha aventura "épica e vibrante, chea de maxia, amizade e resistencia".

Ambos os dous galardóns tamén están dotados con 10.000 euros. O acto de entrega dos premios literarios de Xerais en 2026 terá lugar o vindeiro sábado 10 de outubro no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

O xurados dos premios. FOTO: Xerais O xurados dos premios. FOTO: Xerais
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade