Alfredo Conde recibe este luns o XI premio Alvite pola súa "dilatada traxectoria"
O filólogo e crítico literario Armando Requeixo Cuba encargarase de facer a laudatio do escritor
O acto celébrase no centro social polivalente de Brión, concello no que reside o autor ourensán
O escritor durante unha entrevista na TVG
O novelista, poeta e articulista ourensán, Alfredo Conde, recibe este luns o XI Premio José Luís Alvite pola súa "dilatada traxectoria no mundo literario e xornalístico".
O galardón de columnismo de opinión, que concede a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), entregarase nun acto que se vai celebrar no centro social polivalente de Brión, concello no que reside o autor, a partir das 19:30 horas.
O filólogo e crítico literario Armando Requeixo Cuba encargarase de facer a laudatio do escritor, que recibirá a escultura que conmemora este premio, obra de Acisclo Manzano, chamada "A Deusa de Alvite".
A entrega correrá a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, da presidenta da asociación, María Méndez González, e do alcalde do municipio, Pablo Lago Sanmartín.
O xurado do Alvite, formado pola Xunta Directiva da APG, valora "a dilatada traxectoria de Conde no mundo literario e xornalístico ao longo de case seis décadas" que lle valeu o recoñecemento dentro e fóra de Galicia.
Como mostra, salienta algúns dos seus premios e distincións como o Nadal, o Nacional de Literatura, o Nacional da Crítica ou o Ginzane-Cavour á mellor novela estranxeira editada en Italia, no ano 1990.
"As súas colaboracións en prensa escrita, publicadas na maioría das cabeceiras galegas fixéronse acredoras dos premios Julio Camba, Fernández Latorre, Cunqueiro e Puro Cora, alén de recibir entre outras distincións a Medalla Castelao en 2016, e de ser nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Melbourne (Australia), cabaleiro da Orde das Artes e as Letras de Francia, e fillo predilecto da provincia de Ourense".
Considérao "un excelente narrador nas súas obras literarias e nos seus artigos xornalísticos, que retratan con precisión xentes, feitos e tempos, nos que así mesmo vai deixando trazos e pegadas de si mesmo e das súas vivencias".
Tamén subliña que, "alén de escritor e creador vocacional, foi profesor de Historia, mariño mercante, activista cultural e social, deputado no Parlamento de Galicia, conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia ou membro do Consello de Administración da CRTVG".
Alfredo Conde nunha imaxe remitida por APG
Biografía do premiado
Alfredo Conde Cid naceu en Allariz (5 xaneiro 1945), no seo dunha familia galeguista. Estudou Náutica na Escola Superior da Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela.
Traballou como mariño mercante e como profesor de Historia nun colexio privado. Foi deputado no Parlamento de Galicia como independente no grupo do PSdeG (1981-1993) e conselleiro de Cultura da Xunta encabezada polo socialista Fernando González Laxe (1987-1990).
Foi o primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o primeiro presidente do Pen Club de Galicia (1990-1991), cargos dos que dimitiu tras organizar dous congresos internacionais de ambas as dúas entidades.
Entre outros idiomas, as súas obras foron traducidas ao inglés, italiano, chinés, portugués, francés ou ruso.
O autor recibiu o título de Fillo Predilecto da provincia de Ourense