Abril Camino, Érica Esmorís e Andrea Maceiras reciben os premios Xerais 2025
O Premio Xerais de Novela foi para Mulleres que viven Xuntas de Abril Camino, pseudónimo baixo o que escribe a autora Rocío Otero
Erin e o lobo de Érica Esmorís recibiu o XL Premio Merlín de Literatura Infantil
O corvo sobre a neve, escrito por Andrea Maceira, foi galardoado co XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acolleu este sábado o acto de entrega dos Premios Xerais 2025..O xurado desta edición decidiu galardoar co Premio Xerais de Novela Mulleres que viven Xuntas de Abril Camino, pseudónimo baixo o que escribe a autora Rocío Otero, co XL Premio Merlín de Literatura Infantil Erin e o lobo, de Érica Esmorís e co XVII Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil O corvo sobre a neve, escrito por Andrea Maceira. A Obra foi presentada baixo lema 'Sosias'
Cada un destes galardóns está dotado con 10.000 euros.
Mulleres que viven xuntas é un relato da relación amorosa de dúas mulleres durante o réxime franquista.
"Había quen me dicía que non escribise unha novela sobre dúas mulleres que se aman porque iso podía non ser comercial. Dicíanme tamén que non escribise en galego porque podía supor un freo á miña carreira. Dicíanme, vaia, como tiña que vivir, e iso é algo que nin as miñas protagonistas, Isabel e Chus, nin eu aturamos nunca. Estar hoxe aquí é a mellor proba de que ser valente, volver ás orixes e crer no que fas sempre paga a pena", afirmou Abril Camino, a Premio Xerais de Novela 2025.
Érica Esmorís recolleu o Premio Merlín de Literatura Infantil por Érin e o lobo, unha novela que trata entre outros temas da autoestima e da comuñón coa natureza.
"O premio Merlín é un dos piares fundamentais para a nosa lingua. Representa unha defensa activa do galego e un compromiso real coa súa continuidade. A literatura infantil é o noso bosque de árbores centenarias. É aquí onde nace e medra o lector, onde se aprende a querer a lingua e onde o pracer de ler gáñalle a partida ás pantallas", subliñaba Érica Esmorís, Premio Merlín de Literatura Infantil 2025.
Andrea Maceiras fíxose co Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil por O corco sobre a neve, un libro a medio camiño entre a fantasía e a ficción científica. É unha viaxe pola supervivencia nun mundo hostil onde os lobos parecen os únicos aliados. Unha historia que converte a IA en coprotagonista para abordar temas como as consecuencias do cambio climático, a inxustiza social ou a emigración.
Nesta edición presentáronse 58 obras aos premios e o xurado estaba composto por Mar Mato (xornalista de Faro de Vigo), Bárbara Fernández López (correctora editorial e bookstagramer en @barbibooks), Aurora Prieto Tarrío (bibliotecaria da Biblioteca Pública de Verín), Ana Viqueira (xornalista en Nós TV), Xosé Antón Pedreira Mirás (libreiro en libraría Pedreira) e Xosé Manuel Moo, secretario do xurado, en representación de Edicións Xerais de Galicia, con voz e sen voto.