O Premio Literario San Clemente recibe o Premio Nacional ao Fomento da Lectura de 2026
O galardón impulsado polo IES Rosalía de Castro de Santiago comparte recoñecemento co programa televisivo 'Un país paralelo'
XUNTA DE GALICIA / Europa Press
O Premio Literario San Clemente, promovido polo IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, foi distinguido co Premio Nacional ao Fomento da Lectura de 2026. O xurado destacou a traxectoria, o impacto e o carácter innovador dunha iniciativa que, tras máis de trinta anos de historia, se converteu nun referente educativo e cultural.
Segundo o veredicto, a principal singularidade do premio é que o protagonismo recae no alumnado, encargado de valorar as obras e escoller as gañadoras. O obxectivo é fomentar o pensamento crítico, a sensibilidde artística e o hábito lector entre a mocidade.
O xurado tamén puxo en valor que, desde a súa creación en 1995, o Premio San Clemente contribuíu ao diálogo entre distintas tradicións literarias e achegou o estudantado a autores de relevancia internacional, entre eles tres premios Nobel: Mario Vargas Llosa, José Saramago e Han Kang.
Ademais, salientou o carácter internacional da iniciativa, xa que o xurado está integrado por estudantes de centros educativos de España, Francia, Alemaña e o Reino Unido, que avalían as obras de forma independente.
Na modalidade de Fomento da Lectura nos Medios de Comunicación foi recoñecido o programa 'Un país paralelo', dirixido por Luis Miguel Gómez e Miguel Ángel Hoyos. Ambos premios están dotados con 30.000 euros.