Publicador de contidos

Publicador de contidos

Afundido un pesqueiro tras chocar con outra embarcación fronte ás costas de Ferrol

Afundido un pesqueiro tras chocar con outra embarcación fronte ás costas de Ferrol

Os dous tripulantes do Peruca foron rescatados ilesos polo Cruceiro de Pazos tras o impacto a 1,6 millas de Cabo Prioriño

Pesqueiro Peruca (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación) Pesqueiro Peruca (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación)
G24.gal 05/03/2026 09:52

O pesqueiro Peruca afundiuse este xoves pola madrugada ao sufrir unha colisión co barco Cruceiro de Pazos nas proximidades de Cabo Prioriño, na costa de Ferrol. A pesar do impacto e a perda da embarcación, os dous tripulantes que se atopaban a bordo resultaron ilesos.

Segundo informou o Centro de Salvamento Marítimo da Coruña, a alerta recibiuse ás 04:47 horas a través dunha chamada por VHF procedente do propio Cruceiro de Pazos. O patrón do navío comunicou o accidente e o posterior afundimento do Peruca, que tivo lugar a 1,6 millas ao oeste do cabo.

Os dous mariñeiros do pesqueiro afundido foron rescatados da auga de forma inmediata pola tripulación do Cruceiro de Pazos. Tras comprobar que ambos os dous se atopaban sans e salvos, o barco rescatador procedeu a recoller diversos restos flotantes na zona do sinistro, entre os que se atopaban catro aros salvavidas, unha balsa salvavidas e a radiobaliza do Peruca, que estaba desactivada.

Tras o incidente, o patrón do Cruceiro de Pazos confirmou que a súa embarcación non presentaba danos de relevancia que puxesen en risco a navegación.

O pesqueiro puxo rumbo inicial ao porto de Lorbé para desembarcar os dous náufragos e, posteriormente, continuou o seu traxecto cara ao porto de Sada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade