Publicador de contidos
Publicador de contidos

Actos vandálicos nas duchas das praias de Valdoviño despois de cortarlles a auga

Actos vandálicos nas duchas das praias de Valdoviño despois de cortarlles a auga

O Concello pide a colaboración cidadá para identificar os autores dos danos

G24.gal 14/08/2023 18:10

O Concello de Valdoviño puxo en marcha esta pasada fin de semana medidas de aforro de auga ante a situación de seca prolongada, entre elas a interrupción da subministración de auga en fontes e en duchas das praias.

E foi precisamente en varias delas situadas nos areais onde se detectaron accións vandálicas. En concreto, foron manipuladas as chaves de paso das instalacións de Villarrube, na Frouxeira, e en Outeiro, en Lago.

A maiores, tamén hai que sumar danos nas columnas de duchas da praia de Mourillá, coas consecuentes fugas de líquido.

É por iso que o Concello que preside o socialista Alberto González fai un "chamamento á cidadanía para que colabore no coidado destes equipamentos e axude na identificación dos autores dos danos".

Ademais, pide "respecto para unhas decisións municipais que só tratan de concienciar sobre a necesidade de facer un consumo responsable de auga" e que busca "atallar o importante gasto que se produce nos areais locais, especialmente nos máis concorridos, ante un posible episodio futuro de escaseza".

Por último, lembra que as restricións preventivas atenden ás recomendacións ditadas pola Xunta e adiantan que, no caso de que as accións vandálicas continúen, veranse obrigados a "pechar tamén as casetas dos servizos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar