Achan na ría de Ribadeo a embarcación dos primeiros peregrinos
A ría de Ribadeo atesoura os restos protexidos da nave máis antiga atopada en Galicia
Apareceu na ría de Ribadeo a nave máis antiga atopada ata o de agora en augas galegas. Dedicábase ao transporte de persoas e animais. Parte das persoas transportadas eran peregrinos.
Ribadeo era paso forzado para os peregrinos que escollían a ruta cantábrica para a súa viaxe.
Cruzando pola auga os 500 metros que separan as dúas beiras da ría, aforraban aproximadamente 25 quilómetros.
Está feita con carballo e as probas do carbono 14 datan a tala da madeira entre o século XI e o XIII.
Descoñécese cando e por que afundiu, pero os arqueólogos supoñen que hai máis restos próximos a estes.
A importancia do achado é enorme xa que é o primeiro elemento que se pode relacionar directamente coa trasfega de peregrinos a Santiago.
Dende que comezaron as intervencións arqueolóxicas hai dez anos, este é o cuarto barco que aparece; tres deles foron atopados nos dous últimos anos.