Publicador de contidos

Publicador de contidos

Acepta dous anos de cárcere o condutor ebrio que chocou contra unha árbore en Pol e causou a morte do acompañante

Acepta dous anos de cárcere o condutor ebrio que chocou contra unha árbore en Pol e causou a morte do acompañante

O home non irá a prisión, pero deberá indemnizar os familiares do falecido con 4.000 euros

Arquivo TVG Arquivo TVG
G24.gal 04/06/2026 13:55

A xuíza do Penal número 1 de Lugo sentenciou este xoves o condutor do accidente de tráfico rexistrado en Pol en outubro de 2023, e que tivo como consecuencia a morte do acompañante, a dous anos de prisión e á retirada do carné de conducir por un prazo de dous anos e seis meses.

Fiscalía e as dúas acusacións particulares, unha pola viúva e o fillo menor do falecido, e outra polos pais e o irmán, chegaron a un acordo coa defensa para que fose condenado a esta pena, aínda que non ingresará en prisión ao non ter condenas anteriores ao día do accidente.

O condutor, que se saíu da estrada e chocou contra unha árbore, deu positivo nas probas de alcoholemia practicadas posteriormente e foi acusado de homicidio por imprudencia grave. Enfrontábase, por iso, a catro anos de prisión e a seis de privación do carné de conducir.

Segundo o relato dos feitos, que aceptou o agora condenado, explícase que, ademais das probas de alcoholemia positivas que se efectuaron ese mesmo día, presentaba síntomas de inxerir bebidas alcohólicas, como apatía, oscilación na verticalidade do corpo, fala pastosa, halitose, rostro moi arroibado, pupilas brillantes e movemento ocular retardado.

Tamén se subliña que o falecido, de 37 anos de idade e moi coñecido na zona, sufriu numerosas lesións no accidente, que causaron a súa morte minutos máis tarde do impacto.

Na vista tamén se recoñeceu que a compañía aseguradora do vehículo xa consignou o 75 % das indemnizacións aos familiares directos e que fará o pago efectivo do restante en breve. Ademais da pena de cárcere, o condutor deberá pagarlles aos familiares a cantidade de 4.000 euros: 1.500 euros ao fillo, 700 á súa esposa, 700 a cada un dos pais e 400 ao irmán.

Acordouse tamén a decisión de que non ingresará no cárcere polo compromiso de reparación do dano en forma de pago de indemnización e sempre que non volva cometer un delito nos próximos tres anos. Tamén deberá facer un curso sobre condución para que se lle devolva o carné.

A decisión da suspensión da pena non foi ben aceptada pola xuíza, que, aínda que se someteu ao acordo das partes, ameazou o condenado con que non haberá medidas atenuantes se volve ser xulgado por un delito de condución, xa que desde o accidente foi condenado en dúas ocasións máis, unha por conducir baixo os efectos do alcol de novo e outra por facelo sen o permiso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade