Aberto ao público o recinto feiral do San Froilán
Comeza a gran festa do outono de Galicia
Coa apertura do recinto feiral do San Froilán, deu comezo a gran festa do outono galego. As atraccións, que representan un dos principais reclamos das patronais luguesas, foron as primeiras en comezar a funcionar.
Mariano Gallego, dono do bingo: "As previsións son boas, que é unha das cousas máis importantes para que o San Froilán saia ben. O ano pasado tivemos moita sorte e esperamos este ano que veña o mellor tempo posible".
Aínda que a programación oficial das festas non comezará ata o vindeiro día 4, as atraccións do recinto feiral do San Froilán teñen permiso dende hoxe para comezar a despachar billetes.
Outro tanto acontece coas tradicionais casetas do polbo, que permanecerán abertas durante todo o mes de outubro. Ao igual có ano pasado, son tres as casetas instaladas no recinto feiral. Dúas delas ábrense ao público xa este venres, mentres que a terceira o fará o domingo.
Javier Ferreiro, polbeiro: "Temos xa reservas para mañá. E o domingo, case completo".
Nacho Rodríguez, hostaleiro: "De aquí ao un de novembro estaremos operativos, convidando a xente a vir gozar do bo polbo e da boa festa que temos en Lugo".
Tocante á programación das festas, este San Froilán 2023 ofrecerá preto de 200 actividades ao longo de nove días. Entre elas, destacan 23 concertos de balde, ademais de medio cento de actuacións de bandas locais. Baiuca, Luar na Lubre ou Grande Amore figuran entre os artistas máis salientables.