Tirar a casa pola ventá, cada vez máis común nas festas infantís de aniversario
Actualmente, celebrar que a prole fai anos adoita custar centos de euros, e máis aínda cos extras
Como mínimo, uns 200 euros. Ese é o custo habitual dunha festa infantil de aniversario. O prezo final varía segundo o número de raparigos, pero o normal é que haxa, polo menos, unha ducia de convidados. A partir de aí, súmanse extras, como é o caso dunha celebración temática.
"Os extras son, por exemplo, se queren lambetadas, 1,5 euros máis. Ou os temáticos, coma o 'cupcake', son 15 euros máis en total, como ocorre cos científicos, onde fan experimentos que requiren máis tempo", explica Mariam Hussain Begum, encargada dun parque de ocio infantil.
Contratar animadores con zancos ou caracterizados é do que máis encarece unha festa de aniversario, cun importe duns 400 euros. Atrás quedan, na maior parte dos casos, as celebracións na propia vivenda de quen fai anos.
"Agora cambiou todo. Os nenos queren invitar toda a clase, e son 15, 2o0 ou 30 rapaces. Nun piso, é inviable facer iso", sinala Ignacio Martínez, dono dun parque de ocio infantil.
Para que os pais aforren cartos, cada vez é máis frecuente que a rapazada celebre varios aniversarios na mesma festa.
 As festas temáticas, coma as científicas, adoitan engrosar a factura
                                            As festas temáticas, coma as científicas, adoitan engrosar a factura
                                     
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
            
         
            
         
            
        