Publicador de contidos

Publicador de contidos

A importancia de acompañar as familias dos pequenos oncolóxicos tras o diagnóstico

A importancia de acompañar as familias dos pequenos oncolóxicos tras o diagnóstico

Este 15 de febreiro celébrase o día internacional do cancro infantil, que este ano pon o foco na importancia de fomentar a investigación para desenvolver terapias máis eficaces e menos agresivas

Asociacións como Bicos de Papel celebraron a súa gala anual, poñendo, unha vez máis, o foco na importancia de informar e acompañar as familias destes pacientes

G24.gal 15/02/2026 21:24 Última actualización 15/02/2026 21:46

Miguel celebrou o Día Internacional contra o Cancro Infantil e Xuvenil enriba dun escenario. Presentando unha gala solidaria para visibilizar unha enfermidade, a leucemia, que a el lle chegou con trece anos.

"Cando me deron o diagnóstico, pasados uns días funme dando de conta de que era certo e que ía ser un proceso moi longo. Claro, eu quería ir cos meus amigos á clase, pero non podía. Tiña que estar encerrado no hospital ou estar en illamento, eu só".

Miguel nunca estivo só. Nin el nin a súa familia, que hoxe se senten orgullosos dunha loita que non foi fácil. Eles son de Ourense e tiveron que trasladarse a Vigo, onde son tratados os nenos e nenas oncolóxicos. 

"Bicos de pPapel chegou e ofreceunos a súa casa de acollida que ten cerca do hospital Álvaro Cunqueiro.  Empezas a ver que necesitas onde asearte, durmir... Sentimos como un alivio de que había alguén, que non estabamos tan sós", conta Beatriz González, nai de Miguel.

Ese alguén era a asociación Bicos de Papel, que fan nove anos acompañando e reclamando melloras para as familias dos pacientes oncolóxicos. 

"Porque ti non pensas nin en axudas, soamente pensas en estar co teu fillo, pero realmente si que hai que pensar niso. Nos outros fillos, en non perder o traballo..., porque é un camiño longo", explica Natalia Dieste, directora desta asociación.

Este quince de febreiro celébrano coa súa gala anual para seguir facilitando as familias e pacientes oncolóxicos axuda económica, psicolóxica..., en definitiva, acompanándoos en todo este camiño. O seu lema é "Xuntos sumamos", e este domingo enriba do escenario quedou moi claro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade