As lambonadas son o sabor do 'truco ou trato' nas celebracións do Samaín
A tradicional "Noite dos calacús" dos nosos avós evoluciounou a unha celebración que imita o Halloween dos estadounidenses
Se hai algo que non pode faltar no actual Samaín son as lambonadas.
Nas tendas dispárase a venda de todo tipo de doces terroríficos. Desde os tradicionais caramelos ata propostas máis personalizadas como os cadaleitos de madeira.
"O que nos pedían era poñerlle dentro larpeiradas pequenas como os chamados 'freskitos' ou un ollo destes que teño aquí", comenta Antía Durán, propietaria dunha tenda de lambiscadas na Coruña.
Adentrámonos no túnel do terror que cada ano organizan os veciños dos barrios do Ventorrillo e Agra do Orzán da Coruña.
"A temática deste ano é o circo do terror ou circo freak, por iso temos este tipo de photocall e algunha cousa máis como a vidente", explica Mónica Fernández, da Asociación de veciños do Ventorrillo.
Esta iniciativa é a primeira parada dun roteiro que leva os máis pequenos por tendas e comercios dos barrios. De porta en porta dan vida á adaptación galega do americano truco ou trato.
E así, aos poucos, van enchendo bolsos e cabazas coas lambiscadas que máis lles gustan. Entre pantasmas, caveiras, bruxas e esqueletos, nenas e nenos degustan o sabor máis doce na noite máis terrorífica.