A XV Feira Matemática anima os rapaces a aprender ciencia xogando
O encontro regresa ao Palexco despois de dous anos de ausencia
A aritmética, a xeometría ou a álxebra foron a escusa para xogar na Feira Matemática da Coruña, unha proposta organizada polos profesores, empeñados en descubrirnos a parte lúdica dunha disciplina temida nas aulas pero que pode ser realmente divertida.
Nesta décimo quinta edición participaron centros escolares e outros grupos e entidades. Estivo, por exemplo, o proxecto Estalmat Galicia, que traballa desde 2007 con nenos con talento matemático. A súa proposta é diferente e complementaria á ensinanza tradicional nas aulas, esa que en ocasións se lles atragoa aos rapaces.
Trátase de descubrir e de entender as matemáticas como unha ciencia transversal que toca diferentes disciplinas. A feira organiza cada ano a Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática e por fin puido regresar ao Palexco despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia.