A Xustiza concédelle a pensión de viuvez a unha muller de Lugo que casou un día de falecer o marido
A Seguridade Social e os tribunais de primeira instancia negáranlle o dereito á prestación que agora concede o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O TSXG tamén resolveu no mesmo sentido un caso similar dunha muller de Vigo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acordou conceder a pensión de viuvez a unha muller de Lugo que casou co seu marido un día antes de que este falecese. Ambos mantiveron 15 anos de relación e nove de convivencia.
A sentenza da Sala do social estima o recurso interposto pola viúva contra as resolucións da Seguridade Social e o Xulgado do Social número 3 de Lugo, que non lle concederon a prestación.
Segundo recollen os feitos probados, a demandante e o falecido contraeron matrimonio o 31 de marzo de 2022, pero el faleceu ao día seguinte, o 1 de abril de 2022. Inicialmente, o Instituto da Seguridade Social non lle concedeu a pensión porque o home tiña unha enfermidade común antes de casar, polo que a muller acudiu aos tribunais. Con todo, o Xulgado do Social 3 de Lugo tampouco lla recoñeceu.
Agora, o TSXG interpretou o artigo 219 da Lei Xeral da Seguridade Social de forma que, pese ao non superar o ano de matrimonio, a efectos de concederlle a pensión tamén deben contar o período de convivencia, se supera os dous anos.
Caso similar en Vigo e resolución no mesmo sentido
O TSXG resolveu outro caso dunha muller que solicitou a pensión de viuvez por un matrimonio celebrado o 15 de xuño de 2023, dúas semanas antes da morte do seu cónxuxe (28 de xuño). Ademais, o falecido recoñecía no seu testamento que levaba catro anos con ela nunha relación análoga ao matrimonio.
Neste caso, a Seguridade Social non lla concedeu porque a convivencia entre ambos desde 2019, tras divorciarse, foi primeiro de maneira alterna entre a vivenda dela e a del, incluíndo o período de confinamento.
Así mesmo, argumentaba que a muller estaba empadroada no domicilio común só 21 días antes do falecemento. Con todo, tanto o Xulgado do Social de Vigo, en primeira instancia, como o TSXG, posteriormente, resolveron que conviviron durante máis de dous anos e que o certificado de empadroamento non é o único medio de proba.