Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta somete a información pública o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte

A Xunta somete a información pública o proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte

O novo tramo terá unha lonxitude de 5,5 quilómetros

A administración autonómica prevé un investimento de 36,4 millóns de euros

Allegue subliñou o compromiso da Xunta cunha Galicia "vertebrada, ben comunicada e cunhas infraestruturas sostibles e seguras"

G24.gal 27/06/2025 17:45

A Xunta somete a información pública o proxecto actualizado da prolongación da autovía da Costa da Morte, a AG-55, no tramo entre Santa Irena, en Vimianzo (A Coruña), e a estrada AC-432.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou este venres esta actuación en Vimianzo, despois de anunciala esta semana no pleno do Parlamento.

A administración autonómica prevé un investimento de 36,4 millóns de euros, segundo lembra a consellería nun comunicado de prensa.

O obxectivo desta prolongación, cuxa información pública sae anunciada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), é darlle continuidade ao tramo de autovía entre Carballo e Baio, en servizo desde 2016, con case 28 quilómetros libres de peaxe que comunican os concellos de Carballo, Coristanco, Cabana de Bergantiños, Zas e o termo municipal de Vimianzo, ata Santa Irena.

O novo tramo terá unha lonxitude de 5,5 quilómetros, ata a intersección coa AC-432, que comunica Vimianzo e Camariñas. O proxecto inclúe a construción no tramo de dúas ligazóns e a previsión dun terceiro, tres viadutos, seis pasos superiores, tres pasos inferiores e seis obras de drenaxe.

Como explicou a conselleira, a estrutura máis singular será o viaduto sobre o río Vimianzo, que permitirá o cruzamento do vial sobre esta contorna.

O Goberno galego prevé aprobar o proxecto definitivamente no próximo mes de setembro e licitar a obra antes de que termine o ano. Allegue subliñou o compromiso da Xunta coa comarca e cunha Galicia "vertebrada, ben comunicada e cunhas infraestruturas sostibles e seguras".

Ademais, destacou que a actuación permitirá incrementar a rede viaria autonómica de alta capacidade para mellorar as conexións viarias da Costa da Morte.

A conselleira afirmou que a prolongación é posible polo rescate que fixo o Goberno galego dos contratos de concesión das autoestradas do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade