Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aviso laranxa por mar e fortes refachos de vento na costa coruñesa

Aviso laranxa por mar e fortes refachos de vento na costa coruñesa

Prevese vento do suroeste con forza 7 e intervalos de forza 8, de máis de 70 quilómetros por hora

As zonas afectadas son os municipios do oeste da Coruña (Costa da Morte) e os do noroeste da mesma provincia; ademais dos concellos do suroeste da Coruña e Rías Baixas (Pontevedra) entre outros

Debido á alerta a Xunta vese obrigada á suspensión do programa Xogade

Imaxe de arquivo de ondas/En directo cámara da CSAG de Muxía
G24.gal 01/12/2025 09:44 Última actualización 02/12/2025 08:52

MeteoGalicia activou a alerta laranxa por aviso por mar e fortes refachos de vento na costa coruñesa para este luns con vento do suroeste con forza 7 e intervalos de forza 8 (de máis de 70 quilómetros por hora).

Segundo o aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso iniciarase nas primeiras horas de mañá no noroeste e oeste da provincia da Coruña, e ampliarase a media mañá ao suroeste da costa coruñesa e aos litorais de Pontevedra e Lugo.

En concreto, nos municipios do oeste da Coruña (Costa da Morte) entre as 3:00 horas do martes e as 15:00 horas do mércores; e nos do noroeste da mesma provincia entre as 6:00 horas do martes e as 15:00 horas do mércores.

Tamén nos concellos do suroeste da Coruña e Rías Baixas (Pontevedra) entre as 12:00 horas do martes e as 9:00 horas do mércores.

Ademais, todas as localidades do norte de Galicia estarán en alerta amarela por vento este luns. Mañá martes, o temporal deixará alerta laranxa por ondas en toda a costa galega, con ondas de ata 6 metros de altura.

Por esta alerta a Xunta decidiu a suspensión do programa Xogade e da actividade deportiva federada no mar en catro zonas diferentes.

Nos concellos da Mariña Lucense, a actividade federada no mar e o Xogade suspéndese entre as 12:00 horas do martes e as 12:00 horas do mércores.

Estas actividades xa están suspendidas para a xornada de hoxe, luns, nos concellos do litoral da Costa da Morte, entre as 12:00 e as 18:00 horas.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, xa informou da situación a través do 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, como diques e paseos marítimos, e pide que se extremen as medidas de seguridade para realizar calquera actividade no mar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade