Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG emprende unha campaña para reclamar a gratuidade da AG-55

O BNG emprende unha campaña para reclamar a gratuidade da AG-55

Ana Pontón sinalou que a infraestrutura é imprescindible para os habitantes da comarca

Demándalle ao goberno galego que rescate esta autovía, como fixo coas do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión

G24.gal 28/03/2026 14:18

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou este sábado que o seu partido iniciará unha campaña para reclamar á Xunta a gratuidade da circulación pola AG-55, autoestrada de peaxe que une a cidade da Coruña coa zona de Carballo e a Costa da Morte.

"Xa abonda de discriminación e de abandono por parte do goberno do señor Rueda", sostivo Pontón

Pontón lembrou que o Executivo autonómico rescatou no 2024 outras catro autovías autonómicas con peaxes: a AG-56, entre Santiago e Brión; a AG-41, no Salnés; a AG-11, que dá servizo á área do Barbanza, e a AG-31, en Celanova.

A líder nacionalista desprazouse esta mañá ata Carballo para presentar as súas iniciativas e adiantou que desde o BNG levarán a situación da AG-55 ao Parlamento de Galicia e aos plenos dos municipios da zona.

Segundo expuxo, case cen mil veciños e veciñas levan "trinta anos pagando" unhas peaxes que considerou inxustas, posto que, subliñou, circular por esta autoestrada é "o único xeito" de poder "moverse con axilidade" pola zona e non existen alternativas "para desprazarse en tempo e forma".

Ademais, considerou que as condicións nas que está a AG-55 "non son precisamente un exemplo" e insistiu en que a Xunta "mira para outro lado en lugar de reclamarlle á concesionaria unha mellor conservación e servizo".

Pontón esixe á Xunta mediar nos contratos lácteos

Así mesmo, Pontón aproveitou a ocasión para reclamarlle tamén ao Executivo autonómico que actúe e sente nunha mesa de negociación a industria e gandeiros para evitar que os novos contratos de subministración de leite se asinen á baixa con prezos por baixo do custo de produción.

"Non pode ser que o señor Rueda siga cruzado de brazos sen facer nada", criticou a portavoz nacional do BNG, que considerou "incomprensible" este "recortazo" exposto polas empresas lácteas nun contexto no que os custos de combustibles, fertilizantes ou pensos "non paran de subir".

De igual xeito, con relación para os efectos causados pola guerra en Oriente Medio, considerou que os anuncios de medidas efectuados desde a Xunta "nin pagan as facturas nin enchen o depósito do tractor"; polo que instou ao Gobierno galego a tomar nota das "axudas millonarias" aprobadas noutras comunidades como Cataluña, Murcia ou o País Vasco. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade