A Xunta resolveu en prazo 120 declaracións de impacto ambiental para proxectos eólicos
Son o 85 % do total, e 77 resultaron favorables
Outras 43 decaen sen opción de recurso

Este mércores remataba o prazo para tramitar novos proxectos eólicos, coas declaracións de impacto ambiental. E a Xunta resolveu 120 expedientes, dun total de 140.
Setenta e sete deles favorables, segundo explicou o goberno galego nun comunicado. Outros 43 proxectos decaen sen opción de recurso. E 20 solicitudes quedaron sen a declaración de impacto ambiental, por falta de tempo, e polo tanto sen o permiso de conexión que concede Rede Eléctrica.
Na Xuntan asegura que van continuar tramitando esas declaracións pero precisan un novo permiso por parte do goberno central.
E lamentan que o ministerio de Transición Ecolóxica non atendese a súa solicitude de ampliar os prazos, que tamén reclamaba o sector.
A administración autonómica contratou 120 traballadores para tramitar as iniciativas.
As declaracións de impacto ambiental que resolve a Xunta son para parques eólicos de menos de 50 megawatts de potencia. Os superiores son estudados polo Ministerio.