A Xunta pide celeridade na reparación do viaduto derrubado na A-6
Alfonso Rueda sinala as dificultades que está a causar no transporte e pide que, "preservando a seguridade", se aceleren as obras pare retomar a normal circulación
Máis tempo e máis gasto, o desvío pola N-VI supón un novo atranco para os transportistas
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu este xoves ao Goberno celeridade na reparación do tramo do viaduto que veu abaixo na A-6 entre Galicia e O Bierzo, xa que está a causar “dificultades” ao transporte.
Tras a reunión semanal do Goberno galego, Rueda incidiu na necesidade de reparar ese tramo dadas as dificultades que entraña para “certos transportes” o desvío á estrada nacional e tamén dado o tráfico previsto na tempada estival e os "meses turísticos".
En todo caso, confirmou que na xornada de onte recibiu a chamada telefónica do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar esta cuestión nunha conversación na que intercambiaron “primeiras impresións” sobre as causas do acontecido.
“Pedinlle que me mantivese informado sobre a evolución e sobre as previsións para restablecer canto antes a normalidade”, aínda que preservando “a seguridade”, apuntou Rueda.
O BNG pide que compareza a ministra
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou unha solicitude de comparecencia da Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para que explique as accións iniciadas polo Ministerio tras a derruba no viaduto do Castro na A-6 e dea información sobre as circunstancias que rodean este suceso.