A Xunta estuda ampliar o certificado covid para frear o aumento de casos
O conselleiro de Sanidade amosouse preocupado pola tendencia ascendente que se está a rexistrar nos últimos 15 días. Comesaña non descartou tomar medidas específicas para tratar de reverter a tendencia.
O conselleiro enmarcou o incremento de casos que sofre Galicia na tendencia xeral que se está a vivir en toda Europa. Lembrou que aquí os datos son bos e as incidencias seguen sendo baixas grazas ás altísimas porcentaxes de vacinación.
Pero non ocultou a súa preocupación pola evolución ascendente da curva da pandemia. Dixo que o subcomité clínico se reunirá o venres para analizar os datos e, aínda que non hai medidas específicas sobre a mesa, non descartou que poidan tomarse se a situación empeora.
Xulio García Comesaña, conselleiro de Sanidade: "Cando ves remollar as barbas do veciño tes que estar pendente, e a verdade é que o que pasa en Europa preocúpanos".
Preocupado pola nova vaga da covid–19 que están a sufrir en países como Bulgaria ou Alemaña, con taxas de vacinación moi inferiores á nosa, o conselleiro pon en valor que os datos en Galicia seguen sendo bos. Só a provincia de Ourense supera os 25 puntos de incidencia. Pero a tendencia ascendente, que en 15 días nos fixo pasar de pouco máis de 400 casos a case 800, obriga a manter as alertas.
Traballan sobre as posibilidades que pode ofrecer o certificado COVID, multiplican o número de probas para deter os gromos, pero lembra que o plan pactado coa hostalería era manter estables as medidas. Comesaña tamén falou da escasa repercusión nos hospitais e atribuíuno a unha campaña de vacinación que se intensifica a semana que vén.
"Empezaremos os primeiros días coa vacinación da segunda dose de Janssen, coa que empezaremos o día 15, e tamén empezaremos en recintos masivos co grupo de 70 a 79 anos", asegurou Comesaña.
O conselleiro asinou hoxe en Ourense seis dos denominados convenios Living Lab. Acordos de colaboración e compra pública con empresas innovadoras en eidos como a rehabilitación ou a imaxe neurolóxica, destinados, dixo, a mellorar o servizo público e a crear emprego. Ourense é así a primeira área que se suma a esta rede.