Despois da apagada aumenta a venda de placas solares portátiles, radios e lanternas
Os chamados "preparacionistas" están listos para afrontar emerxencias e ser o máis autosuficiente posible
Despois da apagada esgotáronse as radios a dínamo, as lanternas e as placas solares en moitas tendas
Pasaron menos de quince días desde o apagamento masivo e, neste tempo, as tendas de material de supervivencia experimentaron un aumento de clientes nunca visto.
A demanda de produtos de emerxencia é tal que moitos deses elementos que axudan a ser autosuficiente están esgotados. Está en auxe o movemento chamado de "preparacionistas", xente que, en todo o mundo, decide ter na casa o imprescindible e necesario por se todo falla.
O que máis se está vendendo son, sobre todo, radios que funcionan accionando unha dínamo manual, placas solares que poden cargar aparellos e fogóns portátiles de cociña. O de prepararse para o peor, despois de pasar un día enteiro sen subministración eléctrica, está en auxe.
Iván recoñécese "preparacionista", pertence a ese movemento social de xente que se prepara activamente para emerxencias ou perturbacións de orde social ou política.
Tamén Cristina, comparte unha das máximas dos preparacionistas, que é a de ser autosuficiente. Cando foi a apagada do 28 de abril, eles din que case non o notaron porque estaban preparados.
Roberto foi militar durante 25 anos, agora está na reserva, participou en misións en Afganistán, Kosovo ou O Líbano. É instrutor de supervivencia e emerxencias e ten unha tenda de material de aventura .
Tamén dá cursos de supervivencia, no medio natural, sobre todo. O día da apagada, na súa tenda había ringleiras de xente mercando, sobre todo, estas radios lanterna que van a pilas, con luz solar e con dínamo, que ademais poden cargar un móbil.
As radios están esgotadas, tamén as placas solares, as bombonas de cámping gas e as cociñas portátiles. A comida de emerxencia, liofilizadas, que pode aguantar anos antes de consumirse, tamén foi do máis demandado.
Como "preparacionista", preguntámoslle a Roberto sobre o que el considera que debe ser o imprescindible para ter en casa e saír o mellor posible dunha emerxencia.
Unha manta térmica custa ao redor de tres euros e pode sacarnos dun apuro. Hai comida de emerxencia sobre dez euros, unha placa solar con certa potencia, que funciona sen necesidade de que lle dea o sol directamente, vale uns cento cincuenta euros.
Despois da apagada, en tendas como a de Roberto están notando un aumento significativo de xente que busca prepararse para o que poida pasar porque, como vemos, ás veces, as cousas pasan.