Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV acode á tumba de Francisco tras visitar por sorpresa un santuario agostiño

León XIV acode á tumba de Francisco tras visitar por sorpresa un santuario agostiño

O pontífice reuniuse este sábado cos cardeais e o domingo presidirá o rezo do Regina Coeli en San Pedro

No seu encontro cos purpurados confirmou que vai seguir a "valiosa herdanza" do seu antecesor

O Papa recibirá o 18 de maio o anel do pescador e o palio na misa que marca o inicio do pontificado

León XIV reza ante a tumba de Francisco. FOTO: Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS
G24.gal 10/05/2025 09:12 Última actualización 10/05/2025 21:35

León XIV visitou na tarde deste sábado a tumba de Francisco, para orar en privado, logo de visitar por sorpresa un santuario agostiño na localidade de Genazzano, próxima a Roma. 

Foi o remate dunha xornada que comezou cun encontro cos cardeais no Vaticano. Durante a xuntanza, manifestoulles o seu desexo de seguir a "valiosa herdanza" de Francisco.

Neste sentido, o pontífice subliñou a importancia con vistas ao futuro do "coidado amoroso dos débiles" e do diálogo "valente e confiado co mundo contemporáneo".

Nome papal

León XIV tamén confirmou que adoptou o seu nome papal polo exemplo de León XIII, autor da histórica encíclica Rerum novarum, na que afrontou a cuestión social no contexto da primeira gran revolución industrial.

A reunión, a porta pechada e da que informou a Santa Sé mediante un comunicado, formulouse tamén como un diálogo, solicitado por "moitos cardeais", para facerlle chegar "consellos, suxestións e propostas concretas".

O Papa dixo que estes últimos días foron "dolorosos" pola morte de Francisco e transmitiulles aos cardeais as razóns que o levan a aceptar "un xugo que claramente supera non só as miñas forzas, senón as de calquera outro".

O Papa reunido cos cardeais este sábado. VATICANO vía REUTERS O Papa reunido cos cardeais este sábado. VATICANO vía REUTERS

Valiosa herdanza

Un papa, asegurou Robert Francis Prevost, é "un humilde servo de Deus", como demostran os seus antecesores, entre eles Francisco, "co seu estilo de total dedicación ao servizo e de sobria esencialidade de vida".

"Recollamos esta valiosa herdanza e retomemos o camiño" do pontífice anterior, dixo León XIV, quen subliñou que nestes días sentiu "a forza desta inmensa comunidade que, con tanto afecto e devoción, despediu e chorou" a Francisco.

Nesta liña, expresou o seu desexo de renovar xuntos a "nosa plena adhesión á vía que desde hai xa decenios a Igrexa universal está a percorrer tras as pegadas do Concilio Vaticano II".

León XIV fala no encontro cos cardeais. VATICANO vía REUTERS León XIV fala no encontro cos cardeais. VATICANO vía REUTERS

Visita por sorpresa

A continuación, León XIV visitou o santuario agostiño da Madonna do Buon Consiglio na localidade de Genazzano, próxima a Roma, segundo informan medios locais.

Esta visita, que non fora anunciada pola Santa Sé, é a primeira saída do pontífice desde que o xoves foi elixido xefe da Igrexa católica tras dous días de conclave.

Á súa chegada ao municipio, o Papa foi recibido polo bispo da diocese e as autoridades locais.

O Papa no santuario agostiño. FOTO: Administración de Genazzaro vía REUTERS O Papa no santuario agostiño. FOTO: Administración de Genazzaro vía REUTERS

Rezo ante a tumba de Francisco

Antes de regresar ao Vaticano, León XIV foi rezar ante a tumba do seu antecesor. Robert Francis Prevost​​​​, moi próximo a Jorge Bergoglio, acudiu á basílica romana de Santa María a Maior, onde está enterrado Francisco polo seu expreso desexo.

Á súa chegada ao templo, foi recibido con aplausos e berros de "viva o papa!".

Lema do escudo papal

Por outra banda, a Secretaría de Estado vaticana difundiu na rede social X o lema que aparece no escudo papal de león XIV. É unha frase de Santo Agostiño, In illo uno unum, que se pode traducir como "Nel somos un". 

Trátase dunha frase que evoca unha expresión de Santo Agostiño sobre o salmo 127 e co que se quere afirmar que en Cristo todos os cristiáns son un só.

O pontífice chega a Santa María a Maior. REUTERS/Yara Nardi O pontífice chega a Santa María a Maior. REUTERS/Yara Nardi

Rezo do Regina Caeli

A vindeira aparición pública do pontífice será este domingo 11, cando ao mediodía presida o rezo do Regina Caeli, que substitúe o Angelus en período pascual, desde a loxia central da basílica de San Pedro.

O luns 12 de maio, León XIV concederá unha audiencia aos medios acreditados reunidos en Roma nas últimas semanas para cubrir os acontecementos desde a morte do papa Francisco ata o conclave.

Misa de inicio do pontificado

A misa de inicio do pontificado do papa León XIV celebrarase o domingo 18 de maio ás 10:00 horas, na praza de San Pedro, segundo anunciou a Prefectura da Casa Pontificia.

Agárdase que nesta cerimonia, na que recibe o anel do pescador e o palio, símbolos do poder pontificio, participen delegacións e xefes de Estado de todo o mundo.

León XIV en Genazzaro. FOTO: Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS León XIV en Genazzaro. FOTO: Francesco Sforza/Vaticano vía REUTERS

Primeira audiencia xeral

O día 21 de maio terá lugar a primeira audiencia xeral dos mércores e o sábado 24 atoparase coa Curia romana e o persoal do Estado da Cidade do Vaticano.

Un día despois, o domingo 25 de maio volverá presidir o Regina Caeli e despois tomará posesión das basílicas papais de San Xoán de Letrán e Santa María a Maior.

O Papa no balcón de San Pedro este xoves. REUTERS/Guglielmo Mangiapane O Papa no balcón de San Pedro este xoves. REUTERS/Guglielmo Mangiapane
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade