Detido un sacerdote en Sarria acusado de agredir sexualmente unha menor
A Diocese de Lugo condena o sucedido e lamenta o sufrimento e o dano que esta situación está a provocar á vítima e á súa familia
Á espera de que se esclarezan os feitos, o relixioso foi apartado das súas funcións de maneira cautelar
Como medidas cautelares, a xuíza impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa denunciante

Axentes da Garda Civil detiveron en Sarria un sacerdote como investigado por un suposto delito de agresión sexual a unha menor. O párroco foi suspendido de maneira cautelar no exercicio do seu labor pastoral pola Diocese de Lugo.
Nun comunicado, o Bispado manifesta a súa firme condena ante calquera tipo de abuso, especialmente se se trata dun menor. "É unha ofensa ás vítimas e a Deus", asegura.
Ademais, lamenta profundamente o sufrimento e o dano que esta situación está a provocar á vítima, a outras persoas afectadas, ás súas familias e comunidades, e ponse á súa disposición.
Así mesmo, ponse á disposición das autoridades civís e xudiciais para calquera colaboración que sexa requirida.
Na Diocese de Lugo matizan que antes da detención non recibiron ningunha clase de denuncia ou aviso sobre as presuntas actuacións que se lle poidan estar a imputar.
"Manifestamos o noso máis absoluto respecto pola actuación da Xustiza e desexamos un rápido e completo esclarecemento dos feitos, conscientes tamén do dereito á presunción de inocencia", subliña a Diocese de Lugo nese comunicado.
Á espera de que se esclarezan os feitos, o sacerdote foi apartado das súas funcións de maneira cautelar, e as parroquias que tiña encomendadas serán atendidas provisionalmente por outro cura.
A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Sarria decretou a súa posta en liberdade. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), nin a Fiscalía nin a avogada que representaba a denunciante solicitaron o seu ingreso en prisión. Como medidas cautelares, a xuíza impúxolle a prohibición de aproximarse e de comunicarse coa denunciante. Está investigado por un delito de agresión sexual.