O mundo asiste ao inicio da era do papa León XIV na praza de San Pedro
Máis de 150 delegacións internacionais participan no Vaticano na misa inaugural do pontificado
O Papa recibiu o palio e o anel do pescador, símbolos do poder que marcan o inicio do seu maxisterio
Filipe VI e Letizia encabezan a delegación española da que tamén forman parte Montero, Bolaños e Feijóo

O pontificado de León XIV comezou este domingo cunha misa na praza de San Pedro do Vaticano que congrega unha ampla representación do poder mundial. O Papa recibiu os símbolos que marcan o comezo do seu maxisterio.
A misa de inicio de pontificado comezou ás 10:00 horas pero o rito empezou a fraguarse minutos antes, co novo papa rezando ante o sepulcro de San Pedro, nas profundidades do templo, xunto aos patriarcas orientais.
Tras ese momento de oración e introspección, León XIV e os cardeais saíron da basílica en procesión ata a praza, mentres entoaban o cántico gregoriano das Laudes Rigiae.
A misa "para o inicio do ministerio petrino do bispo de Roma" ten lugar aos pés da basílica e o momento máis importante correspondeu á imposición do palio e do anel do pescador, os símbolos do poder papal.

O primeiro é unha cinta ou estola branca de la que se pon nos ombreiros para indicar a súa autoridade como pastor que leva o seu rabaño nas súas costas. O anel representa o seu vínculo con Pedro, fundador da Igrexa, e levarao na man ata a morte.
Logo doce persoas, en recordo dos apóstolos, encarnaron o rito da obediencia ao novo papa para dar paso á súa homilía, unha sorte de declaración de principios do que será o seu pontificado.

Primeiro percorrido en papamóbil
Esta cerimonia, de gran solemnidade, deixa outras imaxes para a posteridade, como o primeiro percorrido en papamóbil do novo pontífice entre os milleiros de persoas que abarrotan a praza.
A cerimonia de León XIV, elixido no conclave o 8 de maio tras a morte de Francisco, conta coa presenza de máis de 150 delegacións internacionais que revelan a inmensa rede diplomática controlada pola Santa Sé.

Delegación española
España está representada por unha delegación encabezada polos reis, Filipe VI e Letizia, e conformada pola vicepresidenta do Goberno, María Jesús Montero, o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo.
Do país natal do pontífice, os Estados Unidos, chegaron o vicepresidente J. D. Vance e o secretario de Estado, Marco Rubio, mentres que dende o Perú, onde pasou gran parte da súa vida como misioneiro e como bispo, trasladouse a súa presidenta, Dina Boluarte.
O novo pontífice poderá saudalos a todos tras a misa dentro da basílica de San Pedro durante o tradicional momento do beixamán, que adoita deixar imaxes e momentos para o recordo.

Dispositivo de seguridade
A presenza de tantos altos cargos, obrigou as autoridades romanas a poñer en marcha un férreo dispositivo de seguridade nas inmediacións vaticanas, onde están despregados máis de 5.000 axentes e 2.000 membros de Protección Civil.
Estímase que hai máis de 200.000 persoas no Vaticano, xa que a misa coincide co Ano Santo proclamado polo seu antecesor, Francisco, que está a atraer a millóns de peregrinos neste 2025.
Esta fin de semana celébrase o xubileu das confrarías polo que Roma se encheu de representantes da devoción popular de distintos países para asistir a unha gran procesión das súas tallas relixiosas, entre elas, a Esperanza de Málaga, o Cachorro de Sevilla ou o Nazareno de León.
