Trump di que "quizais deberían expulsar" a España da OTAN
O presidente estadounidense acusa a Madrid de non cumprir cos compromisos de gasto en defensa e reclama “descubrir por que van atrasados”
O Goberno expresa "máxima tranquilidade" tras a propuesta de Trump: "España é un membro comprometido coa OTAN"
Feijóo responde a Trump que Sánchez "non é de fiar"
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, suxeriu ao seu homólogo finlandés, Alexander Stubb, que "quizais deberían expulsar" España da OTAN por non cumprir cos compromisos de gasto en defensa da alianza.
"Non teñen escusa para non facelo. Pero non pasa nada. Tal vez deberían expulsalos da OTAN, francamente", dixo Trump.
"Deben chamalos (a España) e descubrir por que están atrasados. E ademais vailles ben, por moitas das cousas que fixemos", engadiu o mandatario estadounidense desde o Despacho Oval.
Trump lembrou que solicitou aos membros da alianza que aumentasen o orzamento en defensa ata o 5 % do seu PIB e que España non o fixo: "Creo que vostedes terán que empezar a falar con España", comentoulle a Stubb.
"A maioría pensou que non ía suceder e pasou practicamente de maneira unánime", indicou o presidente, que repetiu en varias ocasións que España é o único membro atrasado en canto aos compromisos de gasto en defensa.
Trump xa arremetera contra Madrid anteriormente por negarse a incrementar o gasto militar, pero nunca antes suxerira que fose expulsada da Alianza.
Tras o cumio dos aliados deste verán, España conseguiu chegar a un acordo coa Alianza para dedicar un máximo do 2,1 % do seu orzamento a defensa e pactou co secretario xeral da OTAN, Mark Rutte, certa flexibilidade á hora de cumprir o compromiso do 5 %.
O Goberno expresa "máxima tranquilidade" tras a proposta de Trump: "España é un membro comprometido coa OTAN"
O Goberno expresou a súa “máxima tranquilidade” tras a proposta do presidente dos Estados Unidos.
“España é un membro de pleno dereito e comprometido coa OTAN. E cumpre cos seus obxectivos de capacidade tanto coma os Estados Unidos”, explicaron fontes gobernamentais.
Feijóo responde a Trump que Sánchez "non é de fiar"
Para Feijóo, “o problema non é España”, que, segundo defendeu, “é un socio crible, orgulloso e comprometido coa OTAN”. “E seguiremos séndoo”, escribiu nunha mensaxe na rede social X.
O líder do PP sinalou Pedro Sánchez como “o problema” porque “non é de fiar”. “Pero iso non debe arrastrar o país. A nosa nación non ten que pagar pola súa frivolidade e irresponsabilidade”, engadiu.
“Sabemos quen son os nosos aliados. España non sairá da OTAN. Sánchez sairá da Moncloa”, dixo o presidente do PP.