Publicador de contidos

Publicador de contidos

León XIV chama á unidade da Igrexa contra o odio no inicio do seu papado

León XIV chama á unidade da Igrexa contra o odio no inicio do seu papado

Máis de 100.000 persoas asistiron en San Pedro á misa que marca o inicio do maxisterio do sucesor de Francisco

León XIV asegurou na homilía que "o Papa non debe ser un líder solitario ou un xefe por riba dos demais"

A cerimonia congregou representantes de 150 países e organizacións internacionais, entre eles os reis de España

G24.gal 18/05/2025 10:42 Última actualización 18/05/2025 21:26

León XIV inaugurou este domingo o seu maxisterio cunha misa na que recibiu os símbolos do poder papal, o palio e o anel do pescador, e na que pronunciou un acendido chamamento á unidade na igrexa e á paz nun mundo marcado por "demasiado odio e prexuízos".

A xornada comezou co primeiro paseo do novo pontífice a bordo do papamóbil, percorrendo a praza de San Pedro e a vía da Conciliación, para saudar ás preto de 200.000 persoas que chegaron á contorna vaticana.

Despois, acudiu a rezar ao lugar onde segundo a tradición foi sepultado o apóstolo Pedro, baixo o gran baldaquino de Bernini no centro da basílica vaticana.

Foi un momento de gran simbolismo porque nese mesmo lugar no que o novo papa oraba, con paramentos brancos e acompañado polos patriarcas das Igrexas orientais, tamén foron dispostos tanto o palio como o anel que o acompañarán no seu ministerio.

Despois, foron trasladados á praza de San Pedro, levados en procesión por tres diáconos, xunto aos Evanxeos. O rito da imposición destes símbolos empezou cunha invocación.

"Que o espírito da verdade, que procede do Pai, mande abundante inspiración e discernimento ao teu maxisterio para confirmar os irmáns na unidade da fe".

Entre os oficiantes da misa estivo revelada a universalidade da Igrexa, cun cardeal diácono europeo, o italiano Dominique Mamberti, un presbítero africano, Fridolin Ambongo Besungu, e o asiático Tagle.

León XIV chegou en papamóbil á praza de San Pedro. REUTERS/Claudia Greco. León XIV chegou en papamóbil á praza de San Pedro. REUTERS/Claudia Greco.

O palio e o anel do Pescador

O pontificado de Prevost, elixido o 8 de maio no conclave tras a morte de Francisco, considérase oficialmente inaugurado coa entrega destes dous símbolos do poder papal.

León XIV recibiu en primeiro lugar o palio, unha estola de la branca que representa o peso do rabaño sobre os ombreiros do pastor, decorada con seis cruces negras de seda e enganchado con tres agullas que representan os cravos da Cruz.

Tras unha oración, o cardeal filipino Luis Antonio Tagle entregoulle o anel do Pescador, de ouro, que ten no seu selo unha representación de San Pedro coas chaves e a rede de pescador. No seu interior, leva a inscrición Leo XIV e o seu escudo pontificio.

"Hoxe, ti sucedes o beato apóstolo Pedro", proclamou o purpurado en latín, antes de entregarlle o anel.

León XIV recibiuno visiblemente emocionado. De feito, tras a imposición, mirou por uns instantes a súa man, case contendo as bágoas, mentres a praza rompeu nun sonoro aplauso.

A continuación, recibiu a promesa de obediencia de doce persoas, en representación de toda a Igrexa católica.

Os reis de España durante a misa. REUTERS/Guglielmo Os reis de España durante a misa. REUTERS/Guglielmo

Representantes de 150 países

A misa inaugural congregou representantes de 150 países e organizacións internacionais. Entre as autoridades, estaban os reis de España, Filipe VI e dona Letizia, vestida rigorosamente de branco como manda a tradición para as raíñas católicas europeas.

As primeiras filas estaban reservadas para os dous países do novo papa: o natal, os EUA, e o de elección, o Perú, onde foi misioneiro e bispo gran parte da súa vida. 

Por parte dos EUA, estiveron o vicepresidente JD Vance e o secretario de Estado, Marco Rubio. A delegación peruana encabezouna a propia presidenta, Dina Boluarte.

Na praza vaticana tamén se viviron xestos de distensión, como un apertón de mans entre Vance e o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, despois do encontrón que ambos os dous protagonizaron en febreiro co presidente Donald Trump no Despacho Oval.

Segundo informou o Vaticano, á cerimonia asistiron máis de 100.000 persoas.

Vista xeral da cerimonia. REUTERS/vincenzo livieri Vista xeral da cerimonia. REUTERS/vincenzo livieri

"O papa non debe ser un líder solitario"

Durante a homilía, León XIV afirmou que o papa non pode ser "un líder solitario ou un xefe por riba dos demais" pois "Deus, quere a todos unidos nunha única familia".

"Pedro debe apacentar o rabaño sen ceder nunca á tentación de ser un líder solitario ou un xefe que está por encima dos demais, facéndose dono das persoas que lle foron confiadas. Pola contra, a el pídeselle servir á fe dos seus irmáns, camiñando xunto con eles".

O pontífice lembrou o falecemento de Francisco, que deixou unha gran dor. Logo, explicou que durante o conclave os cardeais expresaron o seu desexo de "elixir un pastor capaz de custodiar o rico patrimonio da fe cristiá e, ao mesmo tempo, de mirar máis aló".

"Fun elixido sen ter ningún mérito e, con temor e trepidación, veño a vostedes como un irmán que quere facerse servo da súa fe e da súa alegría, camiñando con vostedes polo camiño do amor de Deus, que nos quere a todos unidos nunha única familia".

Asegurou que "amor e unidade" son "as dúas dimensións da misión que Xesús confiou a Pedro", é dicir, os piares nos que se baseará o seu pontificado.

O pontífice nun momento da misa. REUTERS/YARA NARDI. O pontífice nun momento da misa. REUTERS/YARA NARDI.

"Igrexa unida contra o odio"

Tamén falou da necesidade dunha Igrexa unida contra o odio do mundo moderno e dun modelo económico que "marxina" as persoas pobres e "explota" a Terra.

"Irmáns e irmás, quixera que este fora o noso primeiro gran desexo: unha Igrexa unida, signo de unidade e comuñón, que se converta en fermento para un mundo reconciliado", reclamou.

Neste contexto, presentou unha Igrexa que lle tende a man a un mundo marcado polos conflitos e a violencia.

"No noso tempo, vemos aínda demasiada discordia, demasiadas feridas causadas polo odio, a violencia, os prexuízos, o medo ao diferente, por un paradigma económico que explota os recursos da terra e marxina os máis pobres (...). Nós queremos ser, dentro desta masa, un pequeno fermento de unidade, de comuñón e de fraternidade".

O papa bendice os fieis. REUTERS/CLAUDIA GRECO O papa bendice os fieis. REUTERS/CLAUDIA GRECO

Chamou a Igrexa, con máis de 1.400 millóns de fieis en todo o mundo, a superar as súas divisións e a tender pontes coas outras relixións e ramas do cristianismo, exercendo como un reduto de "comuñón e fraternidade".

"Nós queremos dicirlle ao mundo, con humildade e alegría: miren a Cristo! Achéguense a El! Acollan a súa palabra que ilumina e consola! Escoiten a súa proposta de amor para formar a súa única familia: no único Cristo somos un. E esta é a vía que habemos de percorrer xuntos, unidos entre nós, pero tamén coas Igrexas cristiás irmás, con quen transita outros camiños relixiosos, con aqueles que cultivan a inquietude da procura de Deus, con todas as mulleres e os homes de boa vontade".

Todo -sostivo- "para construír un mundo novo onde reine a paz", o que suscitou o aplauso da praza.

Milleiros de persoas asistiron á cerimonia. REUTERS/Vincenzo Livieri. Milleiros de persoas asistiron á cerimonia. REUTERS/Vincenzo Livieri.

A guerra en Gaza e Ucraína

Unha vez concluída a misa, o pontífice presidiu o rezo do Regina Caeli, que substitúe Angelus en período pascual, lembrando a Francisco e agradecendo ás delegacións presentes e ás confrarías entre o público chegadas polo Xubileu.

Do mesmo xeito, fixo referencia aos conflitos actuais. León XIV denunciou que na Franxa de Gaza "os nenos, as familias e os anciáns sobreviventes están a pasar fame", unhas palabras escoitadas in situ polo presidente israelí, Isaac Herzog.

Lembrou tamén a "atormentada" Ucraína que, salientou, "agarda por fin negociacións para unha paz xusta e duradeira", tras as conversas abertas en Istambul entre Moscova e Kíiv.

Logo, foi o momento do beixamán, no interior da basílica, con Prevost recibindo durante case unha hora e vinte minutos un a un os representantes das delegacións para un saúdo, breves charlas e un xesto que rompeu o ríxido protocolo vaticano: un abrazo co seu irmán maior Louis. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade