Aviso vermello por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra
Espéranse ondas de ata nove metros e ventos de ata 90 quilómetros por hora
O temporal obriga a suspender varios servizos ferroviarios en Galicia e Renfe prepara alternativas
Praia da Coruña (EFE/Moncho Fuentes)
A Xunta elevou a vermella a alerta activada por temporal costeiro para mañá venres no litoral da Coruña e de Pontevedra por ondas de ata nove metros e ventos de ata 90 quilómetros por hora; e mantén a alerta laranxa na Mariña de Lugo.
Segundo publicou este xoves a Xunta, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel vermello afectará a costa noroeste e oeste da Coruña desde primeiras horas da tarde de mañá, estendéndose a media tarde ao litoral suroeste coruñés e de Pontevedra. Espérase mar combinada con ondas de ata nove metros e vento do oeste de ata forza nove.
Debido ás alertas, suspéndese a actividade deportiva no mar, tanto federada como do programa Xogade, nos concellos afectados.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, é dicir, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén de extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e de revisar os cabos e amarres das embarcacións.
A Coruña pecha parques, xardíns e praias este xoves e venres
O Concello da Coruña pechou este xoves parques, xardíns e praias da cidade e manterá a medida tamén o venres polos efectos do mal tempo.
O consistorio informou da decisión a través das redes sociais, ante a alerta meteorolóxica activa, co obxectivo de advertir a cidadanía e facilitar a adopción de medidas de precaución.
Neste contexto, o Concello insta a seguir en todo momento as indicacións dos equipos de emerxencias.
Así mesmo, pide extremar a precaución no litoral mentres se manteña a alerta por condicións meteorolóxicas adversas.
Unha forte treboada provoca unha apagada e inundacións en Santiago
Este xoves o temporal seguiu facéndose notar en Galicia, e ademais de choivas, vento e neve, nas últimas horas rexistráronse tormentas eléctricas que deixaron na comunidade máis de 200 raios --217, segundo os últimos datos de Meteogalicia-- nas últimas 24 horas.
A maior parte dos raios rexistráronse na tarde deste xoves, ao redor da franxa horaria na que centos de veciños de Santiago sufriron un apagamento nas súas vivendas mentres se producía unha tormenta eléctrica, sobre as 17.30 horas.
Fontes de Naturgy consultadas por Europa Press concretaron que a incidencia na capital galega afectou a uns 800 clientes.
Máis aló das tormentas, nesta xornada chegáronse a rexistrar ventos de ata 149 quilómetros por hora en Punta Candieira, en Cedeira (A Coruña), sobre as 16.40 horas.
Meteogalicia reflicte tamén nos seus valores extremos das últimas horas unha acumulación de auga de 24,6 l/m2 por mor das precipitacións en Fornelos de Montes (Pontevedra).