A Xunta amplía a prealerta por escaseza de auga á conca do Anllóns
A Xunta declarou en prealerta a conca do río Anllóns por falta de auga. Tamén se mantén a prealerta no río Lérez e intensificarase o seguimento dos encoros de Baiona e Zamáns.
A decisión adoptouse tras a reunión da Oficina Técnica da Seca celebrada este xoves. Tómase esta medida despois de analizar os datos da estación de capacidade do río Anllóns, que manifestan un drástico descenso dos caudais no último mes e polas previsións de falta de chuvia a curto e medio prazo.
Na mesma situación está o río Lérez. A Xunta estuda solucións alternativas que poderían pasar por unha achega do foso de Ventoso se ten a suficiente calidade.
Se a analítica é favorable, Augas de Galicia realizaría unha obra de emerxencia para transportar auga do foso mineiro ao Ventoso, afluente do Lérez, e así aumentar o seu caudal.
Tamén se está seguindo a evolución dos encoros de Baiona e Zamáns, que abastecen localidades como Baiona, Nigrán, Gondomar e parte de Vigo.
A Xunta propón que se empece a tomar as mesmas medidas que outros concellos que xa teñen activada a prealerta por escaseza: peche de duchas e lavapés nas praias, prohibir o enchido de piscinas, etc.