Ducharse en Bobadela, Ourense, é un suplicio para a veciñanza
Unha vella tubaxe non aguanta a presión e a auga da traída chega ás casas con moi pouca forza
Ducharse é un suplicio para os veciños de Bobadela, no concello de Ourense. Viven nun alto afectado por unha tubaxe moi vella que non aguanta a presión e a auga da traída chega ás casas con moi pouca forza. En numerosas casas tiveron que construír depósitos de auga e pozos para poder ter auga en condicións. Dinlle ao Goberno municipal que pagan o recibo coma o resto e que teñen dereito a ter este servizo básico.
Dez segundos calculan, no mellor dos casos, tardan en Bobadela para encher un vaso. Pero o peor é ducharse coa auga da traída, con tan pouca forza, botan, din, unha eternidade.
Segundo contan os veciños, a raíz do problema está nun treito de tubaxe moi vella que non aguanta a presión. A falta de auga nótana máis coa chegada do bo tempo.
Tiveron que pagar eles mesmos a solución, construíndo depósitos con motores e servíndose de pozos quen os ten.
A indignación dos veciños de Bobadela foi a máis dende que o concello de Ourense decidiu subir o recibo da auga.
Son numerosas as sinaturas que entregaron xa o Concello pedindo que lle cambien a tubaxe pero de momento a solución non chega.