Publicador de contidos

Publicador de contidos

"A prioridade é manter o barco na superficie": atopan a vía de auga que estaba escorando o barco de Ribeira

"A prioridade é manter o barco na superficie": atopan a vía de auga que estaba escorando o barco de Ribeira

Os equipos na zona arrefrían o barco, achican auga e descargan peso para que non afunda

A extinción do lume no pesqueiro de Ribeira podería prolongarse varios días

G24.gal 02/09/2025 18:48 Última actualización 02/09/2025 21:31

Un equipo de mergulladores atopou este martes a vía de auga responsable da escora do Awadi, o arrastreiro que dende este luns sofre un incendio no porto de Ribeira.

Estaba entrando auga polo túnel de descarga do parque de pesca, que é por onde as capturas se introducen na adega desde a cuberta.

Agora están tratando de taponar esa vía de auga, o que permitiría recuperar a flotación do arrastreiro.

Mentres, séguese arrefriando o interior do pesqueiro a onde foi imposible acceder polas altas temperaturas que se acadaron.

Mentres tanto seguen funcionando as bombas de achique e un arrastreiro empurra o barco cara ao peirao para intentar darlle estabilidade. E os equipos que traballan na zona tratan tamén de alixeirar a carga do barco.

Aínda que todos os esforzos están centrados en que non se afunda, no porto de Ribeira están preparadas barreiras anticontaminación.

Mentres tanto, os equipos que traballan na zona contan con que os labores de extinción se prolonguen durante días. 

O Awadi alberga miles de litros de combustible, ademais doutros materiais inflamables. E despois de tantas horas ardendo, a súa temperatura é moi elevada co que vai ser necesario estar moito tempo arrefriándoo. 

O Concello de Ribeira pediu aos veciños que eviten a zona do porto comercial "na medida do posible" e que eviten o contacto directo co fume que desprende o barco, para o que recomendan pechar as xanelas.

O Awadi é un arrastreiro de  bandeira mauritana e propiedade dun armador de Compostela. O buque estaba no porto de Ribeira facendo unha reparación antes de volver saír ao mar.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade