A vacina de alta carga contra a gripe adiántase para maiores de 70 anos
O estudo Galflu, en que participaron máis de 134.000 galegos, confirmou a súa efectividade
Reduce significativamente os ingresos por pneumonía e afeccións cardiorrespiratorias
A investigación acaba de publicarse no The New England Journal of Medicine
Tras dous anos de investigación sobre unha mostra real a grande escala, estudo Galflu, promovido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e o grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do IDIS permite sacar conclusións claras sobre a efectividade de ampliar a vacina de alta carga da gripe a persoas de entre 65 e 79 anos.
"Foi todo un éxito, demostrando que reduce as hospitalizacións por gripe e pneumonía neste grupos de idade".
"Cambiar a vacina convencional pola de alta carga permitiríanos reducir arredor 400 ingresos por gripe ou pneumonía e arredor de 1.600 ingresos por calquera afección cardiorrespiratoria".
Os resultados referidos polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño e Federico Martinón, investigador principal do proxecto Galflu datos tíranse da experiencia probada cos máis de 134.000 galegos dese abano de idade que se prestaron a participar.
A vista do éxito, adiantarase a vacina de alta carga a todos os maiores de 70 anos xa na próxima campaña de vacinación. Outra das derivadas de Galflu é que se vai cambiar o modelo de xestión na compra de vacinas, segundo sinalou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.
"Establécense diferentes prezos da vacina en función a súa efectividade, é dicir, en función da porcentaxe de hospitalizacións evitadas".
Os promotores da investigación agradeceron a participación dos cidadáns e dos sanitarios implicados, en especial máis de douscentos profesionais de enfermería.
Tamén recalcaron a repercusión práctica do estudo e o recoñecemento que supón a nivel internacional para a sanidade galega, como proba a súa recente publicación nun dos referentes da investigación médica, The New England Journal of Medicine.
"Confirma que apostar pola investigación clínica aplicada é un acerto".
"Grazas a todo mundo que o fixo posible, en especial aos galegos que participaron. É un orgullo que Galicia sempre lidere todo o que ten que ver coa vacinación".