Publicador de contidos

Publicador de contidos

A extinción do lume no pesqueiro de Ribeira podería prolongarse varios días

A extinción do lume no pesqueiro de Ribeira podería prolongarse varios días

Os traballos céntranse en evitar o impacto ambiental, e xa están preparadas as barreiras anticontaminación por se fose necesaria a súa utilización

Preocupa tamén que o Awadi poida afundir por mor da gran cantidade de auga que acumula no seu interior

O Concello de Ribeira pediulles aos veciños que eviten a zona do porto comercial "na medida do posible" e que eviten o contacto directo co fume que desprende o barco

Imaxe dos labores de extinción a primeira hora deste martes
G24.gal 02/09/2025 08:23

No porto de Ribeira continúan os labores de extinción do incendio que se declaraba este luns no barco arrastreiro Awadi, de 50 metros de eslora, de bandeira mauritana e propiedade dun armador de Compostela.

O alcalde de Ribeira aseguraba a primeira hora deste martes en declaracións á Televisión de Galicia que os traballos están a ser moi complicados e mesmo poderían prolongarse durante varios días.

 

O lume puido comezar durante uns traballos de mantemento e soldadura, probablemente por unha faísca. Na zona segue traballando un amplo dispositivo do que forman parte embarcacións de Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, Portos de Galicia e os bombeiros de Ribeira e de Boiro.

Na zona están despregados un remolcador e o buque Mar de Galicia, que tratan de endereitar o barco, xa que o que máis preocupa é o seu posible afundimento.

O Awadi alberga miles de litros de combustible, ademais doutros materiais inflamables, que poderían verterse ao mar. Así, ademais de endereitalo, os medios desprazados tratan de alixeirar a carga do barco.

Ademais, desde este luns pola noite xa están preparadas as barreiras anticontaminación por se fose necesaria a súa utilización.

Esta noite bombeiros de quenda libre dos parques de Boiro e Ribeira foron solicitados para dar substitución, dado o "complicado" das tarefas de extinción. Outros buques de apoio, como o Ría de Vigo, atópanse "dispoñibles" por se fose necesaria a súa intervención.

Pola súa banda, o Concello de Ribeira pediu aos veciños que eviten a zona do porto comercial "na medida do posible" e que eviten o contacto directo co fume que desprende o barco, para o que recomendan pechar as xanelas.

Os traballos están a ser complicados, xa que o lume, que comezou na zona das adegas, se propagou con moita rapidez por toda a embarcación. Por fortuna, non houbo feridos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade