Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta dá por extinguido o incendio do Saviñao e só quedan dous en Ourense por apagar

A Xunta dá por extinguido o incendio do Saviñao e só quedan dous en Ourense por apagar

Controlados os incendios de Vilariño de Conso e o de Castrelo de Miño

G24.gal 29/07/2022 09:41

Só dous incendios forestais de consideración, ambos na provincia de Ourense, continúan este venres pendentes de extinción en Galicia, con 6.700 hectáreas afectadas, tras extinguir o lume que afectaba ao Saviñao, informa a Consellería do Medio Rural.

Ás 0:46 horas desta noite quedaron apagadas as chamas no Saviñao, parroquia de Rebordaos, tras queimar 19,41 hectáreas, das que 12,3 son de monte raso e 7,11, de monte arborizado, e empezar en polo menos tres puntos diferentes.

Con este incendio terminado, só están pendentes de extinción dous lumes que afectan á provincia de Ourense, dentro do balance que ofrece a Xunta, que só inclúe os que superan as 20 hectáreas ou implican risco para núcleos poboados.

Está controlado desde o xoves o incendio de Vilariño de Conso, parroquia de Pradoalbar, onde arden 6.500 hectáreas que afectan o parque natural do Invernadeiro. Tamén está estabilizado desde o xoves outro incendio en Castrelo de Miño, parroquia de Barral, con 200 hectáreas arrasadas. 

Son, por tanto, 6.700 as hectáreas que aínda están en incendios pendentes de extinción, a cifra máis baixa desde a fin de semana do 16 e 17 de xullo, pois desde entón chegáronse a superar as 30.000, segundo a Xunta, que o satélite Copernicus elevou a preto de 37.000. 

En todos os lumes traballan de forma coordinada medios autonómicos e estatais para avanzar desde a estabilización ao control e, posteriormente, á extinción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar