A Xunta chama a unha vacinación "masiva" ante o aumento da gripe e a próxima folga na sanidade
O conselleiro de Sanidade di que "a campaña de vacinación avanza de maneira adecuada", pero cunha cobertura "un pouco máis baixa" entre os nenos e nenas
Gómez Caamaño advirte de que os paros poden "paralizar catro días en moitos sitios a atención primaria e hospitalaria"
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixo un "chamamento masivo" para a vacinación, en especial en nenos e nenas de entre 6 meses e 11 anos, ante o aumento de casos de gripe e a folga médica convocada entre o 9 e o 12 de decembro.
Gómez Caamaño indicou este venres nunha visita ao hospital da Coruña que "a campaña de vacinación avanza de maneira adecuada, con 750.000 galegos e galegas vacinados", e cunha cobertura "moi boa en maiores de 80 anos, que está por encima do 80 %".
Con todo, a de nenos de 6 meses a 11 anos está "un pouco máis baixa, no 50 %", polo que fai un "chamamento masivo" para que acudan a vacinarse.
Asegurou que isto é "moi importante neste momento" porque "hai maior presión da onda epidémica da gripe", que agora está en nivel baixo, pero que a próxima semana pasará "a nivel medio"; e, ademais, pola folga médica da próxima semana, xa que isto "paralizará catro días en moitos sitios a atención primaria e hospitalaria".
O paro, dixo, afectará "cirurxías, probas complementarias ou consultas". Ademais, os hospitais van ter "máis dificultades para dar altas e pódese xerar un círculo realmente perverso, con moita presión en urxencias e con pouca saída de pacientes de hospitais".
Preguntado sobre o grao de Medicina, insistiu en que a Xunta aposta pola "descentralización" porque é "a mellor maneira de atender as necesidades dos estudantes de Medicina en Galicia".