A Xunta asegura que os cambios en educación non afectan as oposicións de xuño
A consellería de Educación envía unha mensaxe de tranquilidade aos profesores que preparan o proceso selectivo e di que analizará os cambios que introduce o decreto aprobado polo Goberno
O director xeral de Centros da consellería de Educación, Jesús Álvarez, considera "de sentido común" os cambios que o Goberno introduciu no decreto que regula as oposicións en Educación, pero insiste en que Galicia non precisa dun proceso para reducir a temporalidade porque xa cumpre coa taxa do 8 %.
A última modificación do Goberno establece procesos selectivos diferentes para os interinos de longa duración, que accederán á praza por un concurso de méritos extraordinario, e para os de curta duración, que o farán por un novo modelo de concurso-oposición. Ademais, establece que as prazas de reposición (xubilacións e falecementos) e as de nova creación terán que convocarse polo sistema de oposicións vixente.
Jesús Álvarez lembra que a Xunta xa pedira hai meses que se diferenciase entre os diferentes tipos de prazas, pero insiste en que o decreto "tensiona" a negociación das oposicións en Galicia de xeito innecesario, posto que a comunidade "xa está por debaixo de esa taxa do 8 % á que pretende chegar o Goberno".
O director xeral de Centros di que van analizar con calma as modificacións que o novo decreto introduce nos procesos selectivos, pero envía unha mensaxe de tranquilidade a todos os que preparan as oposicións previstas para xuño, onde non se van introducir cambios: "Darlles seguridade aos opositores que están preparando o proceso selectivo que se celebra en xuño polo sistema anterior, poden estar tranquilos".