Os centros E-Dixgal poderán usar ata tres libros de texto e acceder ás axudas da Xunta
En primaria e secundaria, as familias poderán recibir axudas polos libros de texto dependendo da súa renda
A través da plataforma Creagal incorporaranse novos "recursos abertos e de calidade" de maneira gradual durante os próximos anos para abarcar máis materias e máis cursos

A Xunta ofrecerá desde o próximo curso aos centros que participen no programa E-Dixgal a posibilidade de usar ata tres libros de texto en Primaria e de acceder ás axudas para libros da Consellería de Educación.
É unha das principais novidades da primeira fase de revisión do programa educativo E-Dixgal, que seguirá en vigor e que aposta por profundar nun modelo híbrido de ensino, analóxico e dixital.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, presentou, acompañado pola directora xeral de Innovación do seu departamento, Judith Fernández, as conclusións desta revisión, que enmarcou nas demandas das familias e do profesorado, así como no debate social, tecnolóxico e pedagóxico que existe en toda Europa.
As melloras desta primeira fase iranse implantando entre o próximo curso e o seguinte, explicaron os responsables de Educación, que lembraron que este programa é "un máis" dos que conforman a estratexia de dixitalización da Xunta ata o ano 2030 e que ademais é "voluntario" por parte dos centros.
No presente curso hai 613 centros adheridos a E-Dixgal, con case 60.000 alumnos, unha quincena menos que o curso anterior.
Para o próximo curso, indicou a responsable de Innovación do departamento autonómico de Educación, os centros que participen no programa poderán incorporar tres libros de texto en Primaria, a elixir polos propios centros, que poderán ser susceptibles de recibir axudas públicas en función da renda das familias.
Deste xeito, ata 6.000 euros per cápita, as familias terán axudas para os tres libros; entre 6.000 e 10.000 euros per cápita, as familias poderán ter axudas para dous libros; mentres que as rendas entre 10.000 euros e 30.000 euros per cápita poderán acceder a desgravacións fiscais, como anunciou o presidente Alfonso Rueda o pasado mes no Parlamento.
En Secundaria continuará o uso combinado de libros de texto e recursos dixitais e as familias tamén poderán acceder ás axudas; aínda que as rendas per cápita inferiores a 6.000 euros poderán acceder a dous libros e as rendas entre 6.000 e 10.000 euros per cápita, a un; con desgravacións para o seguinte tramo, ata os 30.000 euros.
Ademais dos libros de texto, outra das melloras ten que ver cos contidos, xa que mediante a plataforma Creagal, elaborada por docentes, os centros terán a disposición "recursos abertos e de calidade".
O próximo curso estarán dispoñibles para materias de 5º e 6º de educación primaria, así como para 1º da ESO; e tamén haberá novas materias con "contidos en inglés".
Para o curso seguinte, 2026-2027, haberá unha nova licitación de contidos con carácter híbrido, "a segunda fase da evolución" do modelo E-Dixgal, con novos recursos en Creagal para materias de 2º e 3º de ESO.
Outras novidades do modelo teñen que ver co benestar dixital dos alumnos, coa seguridade, o apoio ás familias e coa formación e a xestión do propio programa polos responsables.
Deste xeito, en cada unha destas dúas últimas áreas haberá un itinerario formativo específico dirixido aos coordinadores, que terán un reforzo, "coa redución horaria" correspondente para desenvolver o proxecto.
Ademais poñeranse en marcha escolas de pais e nais para reforzar o seu coñecemento dixital, resolver dúbidas e consolidar e fomentar a súa autonomía dixital.